Pedro J. Ramírez engadirá co lanzamento de 'El Español' outro medio á caverna madrileña

O ex-director de 'El Mundo' anuncia o lanzamento dun novo xornal dixital que tamén pode servir para reforzar unha dereita unionista diferente á que sostén ao PP de Rajoy, enfrontado co coñecido xornalista.  

pedro-crop
photo_camera Pedro J.

Cinco millóns de euros de investimento inicial e unha expectación enorme que tamén conta con ecos políticos. Así se vive o anuncio feito por parte do xornalista Pedro J. Ramírez do lanzamento dun novo xornal, neste caso dixital, que se sumará aos moitos xa existentes na dereita española con centro en Madrid. O seu nome, sen deixar lugar a dúbidas, será 'El Español'. 

Estará o ex director de 'El Mundo' á fronte deste proxecto, co que finalmente romperá de xeito definitivo co xornal que fundou hai máis de 25 anos e do que foi despedido, en principio por presións do Goberno de Mariano Rajoy. Posteriormente, en medio dunha polémica co seu substituto, tamén deixou de colaborar cunha columna semanal. Agora convértese en competencia. 

Será 'El Español' un medio máis da chamada caverna, pero con perfil propio precisamente debido a esa mala relación de Pedro J. coa actual dirección do PP, que recibiu con mal xesto a nova. De feito, considérase que o lanzamento do xornal servirá para apoiar a novas referencias dentro da dereita españolista, tanto dentro do PP -Esperanza Aguirre- como moi especialmente fóra, con persoas como Albert Rivera de Ciudadanos, que o influínte xornalista considera que pode liderar “un Podemos de dereitas” nun escenario de fin do bipartidismo. 

Sen ter aínda data de saída, será en poucos meses, 'El Español' aspira, segundo dixo o seu creador, a ter uns 200 pequenos accionistas, entre os que parece que estará o polémico e conservador magnate da comunicación mundial Robert Murdoch.

Comentarios