SUSANA DÍAZ CUESTIONA ABERTAMENTE O SECRETARIO XERAL E BARALLA IR ÁS PRIMARIAS

Pedro Sánchez visita Galiza no seu peor momento e cun PSdeG inzado de crises

O cada vez máis discutido líder estatal do PSOE (que xa non conta co apoio andaluz) participará nunha asemblea aberta na Coruña, xusto a cidade que mellor simboliza as leas internas da súa formación galega.

psoe-cropII
photo_camera Pedro Sánchez

Esta segunda-feira, na Coruña ás 18:00 horas en Palexco, o secretario xeral do PSOE Pedro Sánchez realizará unha das súas primeiras visitas a Galiza -que están a ser moi escasas- para participar nunha asemblea aberta á cidadanía que lle chega nun moi mal momento ao novo líder d@s socialistas, que nos últimos días recibiu críticas por parte de varias direccións territoriais, especialmente da máis poderosa: Andalucía. 

Segundo se publicou, Pedro Sánchez está a ser acusado de “frívolo” por parte de dirixentes que consideran que a mellora da súa imaxe persoal non se está a traducir nun ascenso nas enquisas nin nun proxecto claro para o partido e mesmo está a prexudicar as persoas que serán candidatas nas municipais e autonómicas de maio, condenadas a un segundo plano. Nese sentido, a presidenta de Andalucía Susana Díaz -que foi decisiva para Sánchez gañar a Eduardo Madina nas primarias- teríalle retirado o seu apoio e mesmo estaría pensando en dar un paso á fronte e optar a ser a candidata do PSOE ás xerais, xa que considera que o actual líder non dá o nivel para ese reto nunha formación que pasa por unha fonda crise. Así chega Sánchez a Galiza. Onde as cousas para o partido que aquí lidera Gómez Besteiro tamén tremen. 

A presidenta andaluza Susana Díaz pensa en presentarse como candidata ás xerais, decepcionada coa que foi a súa aposta

Porque o ambiente interno no PSOE galego tampouco é o mellor e moito menos na provincia cuxa capital vai visitar. O pasado sábado, a proclamación de Julio Sacristán -rexedor de Culleredo- como secretario xeral do PSdeG da circunscrición coruñesa estivo rodeada de polémica e cunha clara división, xa que só o sesenta por cento d@s delegad@s apoiaron a súa dirección, que non contou co voto afirmativo do aparato do partido nas tres cidades, A Coruña, Ferrol e Santiago. Nalgunhas destas producíronse demisións ou abandonos após o resultado das primarias, que tamén afondaron en divisións en Ourense -co pachismo derrotado- ou outras localidades. E as enquisas que seguen sen dar boas novas tampouco ao PSOE na Galiza.    

Precisamente, das diferenas internas falou este domingo a secretaria de Organización do PSdeG, Pilar Cancela, que -nunha entrevista na SER-Galiza- pediu que “as minorías acepten ás maiorías” e recoñeceu que “os socialistas socializamos todo, mesmo as diferenzas”. A dirixente viuse obrigada este domingo a facer un chamamento á “unidade do partido”, xa que considera que son demasiado evidentes os enfrontamentos.

Así mesmo, Pilar Cancela recoñeceu que López Orozco tería que demitir e non podería volver ser candidato á alcaldía de Lugo se abren contra el xuízo oral e suxeriu que Beatriz Sestayo deixe o seu escano no Parlamento galego agora que vai ser a cabeza de cartel nas municipais en Ferrol. 

Comentarios