Piden 18 anos de cadea para Crespo, líder da Gürtel que tivo un posto con Feijóo

O que foi secretario de Organización do PP en Galiza terá que enfrontar unha dura petición de condena pola trama, durante cuxo desenvolvemento foi conselleiro de Portos de Galiza en representación do agora presidente da Xunta.

photo_camera Crespo

A comunidade de Madrid pedirá 18 anos de cadea para Pablo Crespo polos delitos de cofeito, malversación, falsidade e fraude a maioría cometidos entre 1999 e 2005 como número 2 das empresas relacionadas coa trama Gürtel, relacionada co PP. Esta é só unha das penas ás que terá que facer fronte no xuízo o que foi Secretario de Organización do PP galego nos anos 90, segundo informou a Cadena Ser, que fala de idéntica petición para Francisco Correa, líder do escándalo que ten na súa cerna ao partido gobernante en Madrid e en Galiza.

Está por ver as peticións de condena que poida recibir Crespo respecto doutros delitos, mesmo cometidos antes de 1999. E que si é seguro é que o número 2 da Gürtel ocupou postos públicos remunerados grazas ao actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Entre 2003 e 2005 foi conselleiro de Portos de Galiza, con Feijóo á fronte do departamento de Política Territorial, que era ao que representaba Crespo. Tanto o actual líder do PP en Galiza como o alcalde da Coruña e daquela presidente de Portos, Carlos Negreira, negan publicamente lembrar nada da súa presenza.

A trama Gürtel, pola que se pode mandar á cadea a Crespo (que saíu en liberdade condicional) relacionouse co caso Bárcenas pola presunta financiación irregular do PP. Nos anos 90 o PP de Galiza tería supostamente ingresado 21 millóns de pesetas nas arcas de Bárcenas. Feijóo só ten afirmado ao respecto que neses anos el non militaba no partido, se ben xa era alto cargo con gobernos do mesmo.

Comentarios