Podemos di que o PSOE é "igual" ao PP e mantén distancias con IU

A formación de Pablo Iglesias deixará en mans de cada agrupación territorial os acordos postelectorais pero ven “iguais” a PP e PSOE. Monedero e Cayo Lara discuten sobre unha posíbel confluencia.   

[Imaxe Podemos]
photo_camera Podemos

O secretario de Organización de Podemos, Sergio Pascual, explicou que serán as agrupacións territoriais da súa formación as encargadas de decidir se chegan a pactos postelectorais con outros partidos após os próximos comicios municipais -nos que Podemos non se presentará coa súa marca- e autonómicos aínda que dubida moito de que se vaian facilitar gobernos do PSOE, porque é un partido "igual" ao PP.

No entanto, Pascual advertiu de que para chegar a calquera tipo de acordo postelectoral, será imprescindíbel que os partidos cos que se desexe pactar cumpran os principios de Podemos. "Se hai unha organización ou varias que poñen riba da mesa un programa que sexa coherente co noso, as bases decidirán", asegurou.

Por outra parte, o coordinador xeral de Izquierda Unida, Cayo Lara, insiste en que Podemos deberá ir decidindo xa se pensa buscar confluencias antes das eleccións municipais con outras forzas como pode ser a súa, posto que "non é posíbel esperar eternamente". Un dos dirixentes de Podemos, Juan Carlos Monedero, afirmou a este respecto que a súa formación “non é o flotador nin a UCI de ningunha outra".

Comentarios