O PP aproba en solitario uns orzamentos nos que desbotou as emendas da oposición

Non aceptou ningunha das 1.113 emendas que BNG, En Marea e PSdeG mantiveron vivas até o final.

Parlamento da Galiza
photo_camera Parlamento de Galicia

Unha cousa é maioría absoluta e outra maioría absolutista, afirmou a deputada nacionalista Noa Presas no debate dos orzamentos. O PP optou por aplicar a segunda opción na sesión desta segunda feira no Parlamento de Galiza e sacou adiante en solitario os orzamentos para 2017 e sen aceptar ningunha das 1.113 emendas que as forzas da oposición mantiveron vivas até o final.

Non foi ningunha sorpresa. O PP xa aplicara rolete no debate as emendas á totalidade dos orzamentos e nas comisións de debate. Para a oposición, o vivido esta segunda feira foi máis un exemplo da “soberbia” e da “arrogancia” que gosta de aplicar o Partido Popular botando man da súa maioría. Algo que nega o voceiro popular, Pedro Puy, que cualificou as contas da Xunta para este ano como “expansivas, prudentes, equilibradas” ao tempo que servían, asegurou, para que Galiza “continúe a medrar”.

Unha valoración para nada partillada pola oposición. O BNG lamentou que os orzamentos continuasen a apostar na política de recortes e de dar as costas á maioría social. Unhas 350 emendas dos nacionalistas mantivéronse vivas até este debate mais non foron aceptadas. “O PP decidiu non ceder”, sinalan, lamentando o BNG que non se tivesen en conta propostas e achegas en aspectos como a creación de emrpego ou os servizos sociais.

En Marea defendeu 129 emendas. O viceportavoz, Antón Sánchez, rexeitou os discursos do PP de que Galiza está en recuperación e afirmou que estaba na “consolidación dunha estafa”. O orzamento da Xunta para o ano 2017 o que procura é “consolidar un modelo que afonda na desigualdade e na inxustiza, o modelo da perda de dereitos da maioría, da precariedade”, denunciou Sánchez.

Xoaquín Fernández Leiceaga, voceiro do PSdeG no Parlamento, considera que nas contas “falla ambición e falla confianza” e nas mesmas reflíctese que  "non hai recuperación económica”. Leiceaga criticou que nas contas para 2017 se careza de “impulso ao investimento”.

Comentarios