O PP galego avala a candidatura de alcaldes imputados namentres demite o de Santa Comba

O voceiro da formación que lidera Núñez Feijóo defende as actuacións de rexedores como os de Fisterra ou Coristanco, mergullados en procesos xudiciais, namentres o de Santa Comba deixa o cargo e pide que os imputados fagan o mesmo.

Alberto Núñez Feijóo, candidato do PPdeG
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

En rolda de prensa, o novo voceiro do PPdeG, Miguel Tellado (que substituíu no cargo a imputada Paula Prado) defendeu que algúns alcaldes encausados da súa formación volvan presentarse aos comicios locais que terán lugar en maio de 2015 malia a directriz oficiosa que desde Xénova recomenda evitar esta situación. “Dalgúns non temos queixa senón unha grande conduta”, sinalou o portavoz do partido que lidera o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que tamén defendeu ao tempo en Estremadura ao titular daquel goberno autonómico, José Manuel Monago, en pleno escándalo por pagar con cartos do Senado moreas de viaxes a Canarias. 

Pero en Galiza foron confirmadas polo PP candidaturas como as de José Manuel Traba en Fisterra -acusado na Operación Orquestra- ou Manuel Pensado, de Coristanco, imputado por malversación. Mais non todos funcionan así. Pouco despois destas palabras do voceiro popular, un alcalde fixo todo o contrario, malia non estar imputado, aínda que existen indicios de que un incidente de tráfico recente podería estar detrás da decisión. 

Desautorización

Antonio Landeira, alcalde de Santa Comba que xa fora confirmado para a reelección, presentou a súa demisión por “motivos persoais” se ben no seu adeus recomendou, levándolle a contraria á dirección galega, o seguinte: “Gustaríame que todos os políticos que están imputados en procesos xudiciais actuaran con coherencia e nun xesto de hixiene democrática optasen por renunciar inmediatamente aos seus cargos”. 

Comentarios