O PP non recúa e mantén a ameaza do que @s comuneiros entenden ‘privatización’ dos montes veciñais

Impediu a aprobación dunha iniciativa do BNG, apoiada por AGE, PSdeG e grupo mixto, que pedía a cancelación dos consorcios ou convenios a custo cero.

fruga-crop

O PP fixo valer a súa maioría absoluta e impediu a aprobación da moción presentada polo BNG e na que se pedía a cancelación dos consorcios ou convenios a custo cero para as mancomunidades de montes veciñais en man común. Unha petición apoiada por toda a oposición, que coincidiu en sinalar a importancia destas propiedades comunais no monte galego. Cómpre lembrar que desde a Organización Galega de Comunidades de montes en man común e o sindicato agrario Fruga convocouse unha manifestación recencemente co gallo de que a nova lei de montes de Galiza (Lei 7/2012) na súa disposición transitoria novena indica que se en agosto de 2016 as comunidades que teñen os seus montes con convenios ou consorcios non pagan as débedas estarán obrigadas a asinar un contrato cunha empresa forestal privada.

A deputada nacionalista Tereixa Paz pediu que se condonase esas débeda, algo previsto na Lei de montes do Estado español. Acusou a Xunta de Galiza de procurar a privatización do monte, algo tamén denunciado pola Orgaccmm. AGE, PSdeG e grupo mixto apoiaron a proposta do BNG. Non así o PP, que dixo que o goberno “vai cumprir a lei” e negou que “vaiamos expoliar a alguén”.

Os montes veciñais en man común ocupan 1/3 do territorio da Galiza e están xestionados por unhas 3.000 comunidades, que reúnen aproximadamente uns 250.000 veciños e veciñas comuneiras. O monte veciñal é unha seña de identidade propia de Galiza, somente hai esta figura no noso país e no norte de Portugal.   

Comentarios