Rajoy e Feijóo pechan a porta á posibilidade dunha reforma territorial do Estado

O PP rodéase de simboloxía españolista para saír “en defensa” da Constitución, da que o presidente do goberno central considera que “non é un xoguete” para “articular rexións que levan séculos articuladas”. Só aceptaría tratar unha reforma se o pide Europa.

rajoy militares exercito
photo_camera rajoy militares exercito

En La Granja (Segovia) xunto a un pazo de aires imperiais e cun discurso do máis radical españolismo. Así escenificou este sábado o PP a súa negativa a unha reforma territorial do Estado, na que as nacións puidesen obter máis autogoberno ou mesmo o seu dereito de autodeterminación, nun acto e unha declaración que presidiu Mariano Rajoy e que foi avalada coa súa presenza por Alberto Núñez Feijóo, titular da Xunta de Galiza. 

Rajoy fará da "unidade de España" o eixe do seu discurso electoral, xunto a unha suposta recuperación económica que nin o seu partido cre

Non falou o presidente galego pero si o do goberno estatal, que pechou ás portas a esa descentralización que está no ambiente e dixo que só cambiaría a Constitución “se o pide Europa”. Se non, nada. Porque para Rajoy a Carta Magna “non é un xoguete". “No PP non somos dogmáticos fundamentalistas, pero para nós non é negociábel a soberanía nacional. Os españois non necesitan propostas para articular rexións que levan séculos articuladas. Sobre a exaltación das diferencias xamais se levanta nada útil”, afirmou. 

O líder do PP cualificou de “ensoñacións” os desexos independentistas de millóns de persoas e tamén amosou nulo interese nunha reforma de tipo federalista. Esa será a súa liña nos próximos meses, tanto antes das municipais e tamén para as xerais, nas que fará da unidade de España un eixe central da súa proposta namentres, como fixo no acto de Segovia, seguirá insistindo nunha recuperación económica que mesmo voces internas do seu partido consideran inexistente. 

Comentarios