Profesor titular de Ciencia Política na Universidade de Santiago e ex-secretario xeral de Vicepresidencia con Anxo Quintana, Antón Losada vén de publicar en castelán Código Mariano. Desmontando a Mariano Rajoy (Roca Editorial). Atende a Sermos Galiza para falar sobre o presidente pontevedrés do Estado español.
-O libro parte dunha pregunta que lle traslado: Como é posíbel que alguén de aparencia tan gris e desinteresada como Rajoy alcance a Moncloa?
Pois precisamente aplicando o que eu chamo Código Mariano. El aceptou con intelixencia a falsa imaxe que lle construíron, esa de persoa que parece que non decide, que non ten interese, que só fai o que lle din, especialmente Arriola. E non, Rajoy é un político profesional que sempre quixo ser Presidente do Goberno. E que ademais ten unha ideoloxía, e moi clara. Non se debe esquecer que o seu Goberno aplicou os máis duros recortes xamais vistos en Educación ou Sanidade. Pero soubo usar esa caricatura sobre el ao seu favor, e grazas a esa capa foi deixando atrás e matando politicamente a todos os seus inimigos mentres parecía que nin pelexaba. É como nesa frase da serie Breaking Bad, cando din: “Eu non estou en perigo; eu son o perigo”.
-Na construción desa imaxe tópica de Rajoy a súa condición de galego resulta central.
En efecto. Ser galego sempre inflúe, pásache a ti ou a min e tamén a Rajoy, pero en diversos graos. Onde máis peso pode ser é na cuestión da paciencia, tómase tempo porque desde logo en Galiza outra cousa non sei, pero tempo sempre tivemos. Pero é certo que en Madrid, que todo o saben, tamén hai como desprezo por esa condición súa, non crían que un señorito de provincias lles podería derrotar, pero el mentres traballaba nos seus obxectivos, e esa imaxe serviulle moito por exemplo para ser o vitorioso na sucesión de Aznar. Tamén ser galego serviulle para empatizar cos baróns rexionais, que son os que no Congreso de Valencia en 2008 permiten que siga á fronte do PP a pesar do asalto de Esperanza Aguirre.
-Falamos do Rajoy como galego en Madrid; e o Rajoy galego en Galiza?
Non exerce. El cando está aquí é un turista. Aínda que eu tampouco creo de todo nesa imaxe dun Rajoy completamente desgaleguizado. Ao seu xeito si é galego, non dunha nación chamada Galiza pero si dunha rexión que se chama así. Ten certa relación afectiva.
-Galegos na súa vida: Manuel Fraga.
Con Fraga sempre mantivo unha relación distante, non foi nunca o seu afillado político como cría moita xente en Madrid, o que soubo aproveitar. Pero mantiñan grandes diferencias en todos os aspectos, non foi o seu mestre político, Rajoy non ten afectos nese sentido, non lle debe nada a ninguén, todo o que conseguiu foi por méritos propios. Fraga utilizábao moito para negociar consensos en Galiza, arranxar listas e manobras dese estilo.
-E con Feijóo como se leva?
Vai por etapas. Foi boa por exemplo cando o Congreso de Valencia, pero arrefriouse cando estoupa o escándalo da Gürtel e Feijóo postúlase como recambio. Despois, unha vez aparecen as imaxes do actual presidente da Xunta con Dorado e queda así desactivado para Madrid pues Rajoy rescatouno e agora están en boa onda.
-Máis complicada parece a relación de Rajoy con algúns medios de dereitas madrileños, sectores da chamada “caverna”.
A caverna sempre foi de Esperanza. Pero cando viron que Rajoy lle gañaba, intentaron achegarse, pero o único que atopar é certa equidistancia. A Rajoy só lle interesa o votante.
-Os votantes están en fuxida, parece, fará as reformas, por exemplo territoriais, que o tempo demanda?
-Rajoy é a persoa que asinou a denuncia contra o Estatut de Catalunya, como vai ser agora o que poña en marcha unha reforma federal? Nin de brincadeira. Non cre niso e ademais sabe que boa parte dos que lle votan tampouco. El fíao todo á recuperación económica, a poder dicir que estamos mellor que cando chegou ao Goberno, ou polo menos convencer á xente de que así é.
-Polo de agora, sempre consigue o que se propón.
É un opositor e dos mellores. Opositou primeiro á Deputación e sacou praza, despois a ministro, vicepresidente e finalmente a presidente. Está onde sempre quixo, ao punto de que agora, en vista de que o Papa non semella factíbel, xa pensa na posteridade, no xuízo histórico.
-Que ex-presidente será Rajoy, vigoréxico ou calado?
Modélico. Dedicado ás súas cousas persoais, máis preto de Zapatero que de Aznar ou Felipe.
-Vimos a Rajoy en Galiza hai uns días xunto a Santiago Rey, na gala de La Voz. Ten algún significado esa imaxe?
-Non moita. A relación de Santiago Rey e Rajoy non ten nada especial, non é como a de Feijóo e La Voz que si é profunda. Non lle vexo demasiada relevancia política a esa foto, senón máis ben un acto de cortesía ante unha empresa á que eu lle recoñezo importancia e historia por moito que agora a súa liña sexa a que é. E tamén era importante a identidade do premiado, Barreiro Rivas, co que Rajoy quixo ter un xesto.
-Por último e así por riba, como ve o escenario político galego?
-Resumindo, creo que Feijóo segue forte e a oposición non. O PSOE está en fase provisional; o BNG con problemas e buscando a redefinición, o de Anova é unha catástrofe e está a incógnita de Podemos, aínda que en Galiza polo de agora a súa presenza sexa case só virtual, pero a ver que pasa no futuro.