Sacristán tampouco é capaz de conseguir a paz interna no PSdeG da Coruña

O novo líder provincial só obtén o apoio do 62 por cento para a súa Executiva, coas cidades enfrontadas á nova dirección. O propio Besteiro suxire que vai ter “discrepancias” coa dirección que substitúe a de Caamaño.

sacristanII-crop
photo_camera Sacristán.

Só un 62 por cento de votos permitiron que o alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, aprobase a súa  Executiva no Congreso que o confirmou como secretario xeral do PSdeG na provincia da Coruña dúas semanas despois de que gañase as primarias nas que se elixía o substituto do ex-ministro Francisco Caamaño, que deixara o cargo após un forte enfrontamento coa dirección galego. 

Pero a chegada de Sacristán non parece servir por agora para restaurar a paz interna, como queda probado con ese 38 por cento que non lle deu o seu aval, relacionado tamén coa falta de acordo cos socialistas das cidades ou pola presenza de Emilio Vázquez como vicesecretario xeral, algo do ue non gostaron os partidarios do seu rival nas primarias, Manuel Mirás, rexedor de Oroso. 

Con todo, Sacristán chamou durante o seu discurso no Congreso a que o PSOE volva “ser o motor do cambio” e para isto solicitou “unidade”. “Espero que esta sexa a casa de todos e todas”, dixo. 

Pola súa parte, o líder d@s socialistas en Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, ofreceu o seu “apoio” a Sacristán pero suxeriu diferenzas e marcou distancia ao dicir que seguramente terán “algunha discrepancia”. O presidente da Deputación de Lugo marcou como obxectivo para o partido “unhas municipais que comezan xa”.

Comentarios