Nen propoñen lista propia nen consideran de consenso a lista oficial, que fica como a única en liza na III Asemblea Nacional.
Non fructificou, pois, o esforzo realizado por Antón Sánchez, o número 1 da candidatura oficial, para tecer unha lista única. Nen houbo integración na Marea no seu momento nen a hai en Anova e en ambos casos con Davide Rodríguez como abandeirado do sector crítico. En declaracións a Europa Press, o parlamentar afirmou que non participarán na candidatura de integración que lles ofereceu Sánchez -na que figura o líder histórico Xosé Manuel Beiras e o alcalde de Santiago Martiño Noriega- por considerar que non representa suficientemente as bases da organización, argumento moi semellante ao que apelou cando -nese caso, si- se animou a promover unha lista nas primarias de En Marea sob o nome de Somos Quen.
Haberá que agardar, pois, á votación da candidatura -cantos votos en branco, cantas abstencións- para medir a forza de oficialistas e críticos neste conclave de Anova.
A Asemblea escollerá os 50 integrantes da Coordenadora Nacional e este órgao, con posterioridade, acrecentado por 25 representantes das organizacións territoriais, será o que elexa a portavocía nacional.
Para este cargo todos os ollos están postos en Antón Sánchez, número 1 da candidatura única e persoa da máxima confianza quer de Xosé Manuel Beiras quer de Martiño Noriega.