Vence considera que o 9N constata a necesidade dunha “estratexia de país’’ para Galiza

O portavoz do BNG rexeitou “mimetismos” e incide en que os intereses de Galiza son diferentes dos de Catalunya e dos de Madrid.

VENCE ROLDA DE PRENSA1

Galiza precisa dunha “estratexia de país” para defender os seus intereses como nación dentro da “imparábel” reformulación institucional e territorial do Estado español. Esa é a constatación que o 9N deixa para o BNG, segundo o seu portavoz nacional, Xavier Vence, que advirte do risco de que Galiza fique no papel de “simple espectadora”.

Artellar unha “posición común maioritaria” que defenda Galiza fronte as políticas e medidas “centralistas e reaccionarias que gobernan no Estado español” sería un dos alicerces desa aposta. E emprazou a Feijóo a que exerza de presidente dos galegos e “non se limite a ser ariete dos intereses do PP e do Goberno central contra Catalunya”.

Para Vence, o goberno galego “tería que ter unha estratexia propia de país que nos permita participar activamente nesa redefinición do mapa institucional e territorial do Estado español, no que Galiza ten que reclamar o recoñecemento pleno do seu carácter nacional, para acadar autogoberno suficiente para decidir as políticas que garantan o noso futuro”.

Sen mimetismos

Para o portavoz da fronte nacionalista “os intereses de Galiza son moi diferentes dos de Catalunya ou Madrid e, polo tanto, precisa un proxecto e unha estratexia propias para defender os seus intereses neste debate territorial e institucional aberto no Estado español”. Por iso é preciso mudar “a correlación de forzas” para que á fronte do país haxa organizacións políticas “que representen os intereses deste galegos por riba por todo”. É a maneira de garantir que Galiza se manteña “en primeira liña como nación”, enfatizou.

Vence puxo en valor a alta participación na consulta catalá, “malia todos os atrancos”, con dous millóns de persoas que aspirar a converter Catalunya nunha nación. 

Comentarios