XAVIER VENCE, PORTAVOZ NACIONAL DO BNG

Vence: “Galiza precisa estratexias desde aquí, e non van vir de ningún gabinete da Complutense”

O portavoz do BNG defende a necesidade de forzas propias e dunha alternativa clara “de país” fronte os gobernos do PP “e o centralismo”.

VENCE ROLDA DE PRENSA1

Galiza precisa, “máis que nunca”, estratexias e alternativas feitas e impulsadas desde Galiza para artellar a alternativa “clara” aos gobernos “corruptos do PP e ao centralismo”. Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, entende que cara ás municipais hai que activar “unha alternativa política potente do nacionalismo”.

Preguntado polo xornalistas sobre Podemos e posíbeis fugas de votos da fronte nacionalista cara ao partido de Pablo Iglesias, Vence dixo que o país precisa “unha alternativa cos pés na terra e cabeza no país”. Por iso, engadiu, Galiza precisa “estratexias e alternativas pensadas desde aquí” pois “desde logo, non a vai dar ningún gabinete da Universidade Complutense”. Na Complutense participa boa parte do cumio de Podemos.

Sector leiteiro

Vence fixo estas declaracións a preguntas dos xornalistas e após unha comparecencia na que advertiu da situación “dramática” na que está o sector leiteiro galego. Unha queda continuada do prezo do leite “por imposición das industrias e distribuidoras”. Algo que está a acontecer, co consentemento da Xunta. O Executivo galego, dixo, é incapaz de defender en Madrid un sector que representa o 40% do total español.

A Feijóo esváralle a desfeita do agro galego ocupado en tapar as mentiras e as vergoñas da corrupción”

“A Feijóo esváralle a desfeita do agro galego ocupado en tapar as mentiras e as vergoñas da corrupción”, criticou Vence, quen plasmou en cifras a “dramática” situación do sector lácteo: desde que goberna Feijóo, Galiza perdeu 10.500 postos de traballo, un 21% do emprego agrario, pecharon 6.500 explotacións e quedaron abandonadas 49.000 hectáreas de terra de cultivo.

Garantir contratos e prezos xustos

A solución para o BNG: garantir contratos e prezos xustos para os produtores na súa relación coas industria evitando que se impoñan condicións “leoninas” e o incumprimento sistemático da figura do contrato homologado. 

Comentarios