La Voz aposta en Feijóo como ministro se o PP gañar as xerais

feijoo
photo_camera feijoo

En Madrid amigos e inimigos de Núñez Feijóo dan por certo que o presidente galego non vai repetir como candidato á Xunta de Galiza e que dará o salto á política estatal, un chimpo que podería vir após as eleccións xerais de gañar estas o PP. Así o afirma G. Bareño na edición desta segunda feira de ‘La Voz de Galicia’.

Núñez Feijóo xa apuntou que o “razonábel” sería non ir alén de dous mandatos como presidente de Galiza. Nas súas viaxes a Madrid as preguntas dos medios e as súas intervencións en actos céntranse máis en cuestións como a situación económica ou Catalunya que en Galiza, o país que preside.

Segundo esta información do xornal de Sabón, de gañar o PP as xerais, e facelo con apoio de abondo para poder Mariano Rajoy formar goberno, Núñez Feijóo entrará no gabinete, confirmando con Soraya e Alonso un “trío de absoluta confianza do seu xefe”.

E Galiza?

Núñez Feijóo liscaría para Madrid e en Galiza ficaría o actual segundo de a bordo, Alfonso Rueda, ao mando até os comicios autonómicos. Non habería, pois, adianto dos comicios.

Mais... e se o PP perde nas xerais? Pois en base a esta información de ‘La Voz’, Feijóo esgotaría o mandato en Galiza e non se volvería presentar. E despois, a ollar para a empresa privada onde, aponta o rotativo, "ofertas non lle faltarán".

Comentarios