Yolanda Díaz asina un manifesto federalista “contra o separatismo conservador”

A vicevoceira de AGE está entre as persoas que apoia un texto que se presentou en Catalunya e no que se solicita un proceso constituínte para todo o Estado “non para cada unha das 17 autonomías” segundo se dixo ao facelo público.

Yolanda Díaz, coordenadora nacional de Esquerda Unida
photo_camera Yolanda Díaz, coordenadora nacional de Esquerda Unida

A vicevoceira de AGE no Parlamento galego e líder de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, sumou a súa firma á de militantes de partidos como ICV, EUiA, IU, PCE e PSUC Viu ou membros de CC.OO. e UGT nun manifesto no marco do XV congreso do PSUC Viu -celébrase este fin de semana- que aposta por unha España federal e carga contra o "centralismo reaccionario e contra os separatismos conservadores".

Ademais de Díaz, tamén aparecen entre os asinantes o secretario xeral do PCE, José Luís Centella; o coordinador xeral de IU Andalucía, Antonio Maíllo; o portavoz do manifesto, Pedro López; o ex-secretario xeral do PCE Paco Frutos e a coordinadora xeral de Ezker Anitza-IU Isabel Salud.

O manifesto asegura que só "o horizonte dun federalismo plurinacional e solidario, capaz de recoñecer as diferenzas e de tratalas como un ben común", é o “instrumento axeitado para a coordinación e solución de conflitos” como o existe en Catalunya, onde a maioría da poboación defende o dereito de autodeterminación.

Os impulsores do manifesto tamén pulan por "un proceso constituínte no conxunto do Estado, non de 17 autonomías pola súa conta", segundo dixeron os seus impulsores na presentación, que tamén serviu para que acusasen ao presidente da Generalitat Artur Mas de "levar aos cataláns a un camiño sen saída".

Comentarios