Os Xogos Olímpicos normalizan o uso do plástico reciclado

Os Xogos Olímpicos marcan fitos e levan ao límite as capacidades humanas. Pero máis alá das propias atletas hai outros factores menos visíbeis, pero non menos determinantes para a evolución humana. As sucesivas edicións son un escaparate da innovación tecnolóxica máis avanzada. A intelixencia artificial revolucionará a esencia deste grande acontecemento, pero os esforzos por reducir o impacto ambiental forman xa parte dos obxectivos das últimas edicións. O compromiso coa sostibilidade evidencia cada catro anos que o esforzo nesta dirección é máis intenso e as iniciativas prácticas máis respetuosas e evolucionadas. Reducir o impacto ambiental están xa no centro do diseño das sedes olímpicas e das competicións. O deporte do futuro chega con materiais reciclados.
O belga Remco Evenepoel (no centro) subido a un podio fabricado con plástico 100% reciclado para estes Xogos Olímpicos. (Foto: Joel Carrett / AAP / DPA vía Europa Press)
photo_camera O belga Remco Evenepoel (no centro) subido a un podio fabricado con plástico 100% reciclado para estes Xogos Olímpicos. (Foto: Joel Carrett / AAP / DPA vía Europa Press)

Cada edición estabelece novos estándares, máis altas sensibilidades e compoñentes máis futuristas. E a última edición dos Xogos Olímpicos decorridos en París non podía ser unha excepción. Déronse novos pasos. Foi algo máis que un evento deportivo no que se citaron 10.500 deportistas (382 españois –32 da Galiza que competiron en 12 modalidades–) de 206 Estados. Unha das prioridades dos organizadores foi reducir á metade a pegada de carbono. Varias iniciativas, como o deseño de sedes sostibles, as opcións de transporte ecolóxicas e as prácticas de alimentos e bebidas respectuosas co medio ambiente, representaron este compromiso. Tamén o representou unha plataforma que mostrou ao mundo unha revolución tecnolóxica sen precedentes, desde os “Smart Stadiums”, equipados con sensores para proporcionar unha gran cantidade de datos en tempo real, até o emprego da Intelixencia artificial na planificación dos adestramentos, para obter os maiores rendementos e as mellores marcas deportivas.

París tamén quedará marcado pola innovación tecnolóxica. O Comité Organizador incorporou unha serie de medidas, tamén novas, encamiñadas a reducir o impacto dos eventos e a actividade deportiva sobre o medio ambiente, mediante a utilización de plásticos reciclados na arquitectura sostíbel, fabricando ao redor de once mil asentos con este material para os estadios Adidas Arena (sede de ximnasia rítmica e bádminton) e o Centro Acuático (sede da natación artística e o waterpolo), empregando para isto 100 toneladas de plásticos reciclados. 

Os Xogos olímpicos de París marcaron un fito na innovación tecnolóxica

Tamén os 68 podios onde as e os atletas recibiron as súas medallas foron construídos a partir de envases plásticos reciclados. Estas tarimas, nas que os deseñadores buscaron reproducir o encaixe metálico da Torre Eiffel na zona dianteira e os tellados de zinc da cidade de París no interior dos tres banzos (xa que o uso de materiais reciclados é compatíbel cos criterios de deseño máis innovadores), foron empregados en 329 cerimonias dos xogos olímpicos e volveron a empregarse na entrega de medallas da edición dos Xogos Paralímpicos.

 Os 2.800 departamentos que se construíron para a Villa Olímpica tamén empregaron na súa construción plásticos reciclados. Perfectamente equipados e construídos con todas as garantías de resistencia e habitabilidade, unha vez rematen os Xogos pasarán a ser usados como vivendas sociais, de modo que esas instalacións serán reutilizadas e terán unha segunda vida, un dos principios fundamentais da sostibilidade. 

Do mesmo modo, os residuos plásticos recollidos de forma selectiva nas distintas sedes dos eventos deportivos incorporáronse ás cadeas de reciclaxe en empresas locais. Todo isto formou parte da estratexia da organización para tratar de reducir as emisións de CO2 a 1,5 millóns de toneladas, aproximadamente, intentando equilibrar os impactos das emisións que non se poden evitar, como os voos e o transporte dentro da cidade. 

O plástico reciclado no deporte

Pero, máis alá dos compromisos adquiridos polos organizadores dos Xogos Olímpicos de París (cidade na que tamén se asinou o Acordo sobre Cambio Climático, tratado internacional, xuridicamente vinculante que cobre todos os aspectos da loita contra este impacto), a estas alturas da historia é xa difícil pensar no mundo do deporte sen plástico, xa que este material, polas súas cualidades físico químicas, permite obter produtos mellorados que brindan rendementos óptimos. Pola súa lixeireza, durabilidade e resistencia ao impacto, entre outras características e vantaxes, popularizouse o seu uso no mundo deportivo. 

Avances industriais na reciclaxe dos plásticos permitiron incorporar flexibilidade e durabilidade aos produtos

Na actualidade, a todas estas cualidades, e grazas aos avances tecnolóxicos no eido industrial, é posíbel incorporar outra vantaxe adicional: o seu alto grao de sostibilidade. En que deportes olímpicos se poden incorporar plásticos reciclados? 

Os avances nestas aplicacións foron exponenciais nos últimos anos, tendo en conta tamén a revolución que supuxo a impresión 3D a partir de polímeros plásticos. Os deportes que usan pelotas e balóns veñen incorporando plásticos reciclados nos diferentes produtos, tanto flexíbeis como no caso de balóns de fútbol, baloncesto ou voleibol, ou máis ríxidos como poden ser as pelotas de tenis de mesa, adaptándose á natureza do deporte en cuestión, e permitindo, como no caso do fútbol, que a práctica deste deporte sexa máis rápida e técnica ca nunca. 

Tamén no caso do calzado deportivo, sobre todo no atletismo, estanse a introducir distintos tipos de plásticos reciclados, que combinan lixeireza, adaptación a diferentes tipos de traccións e resistencia ao impacto. Distintas marcas punteiras en calzado deportivo xa incorporaron ao mercado calzado deportivo fabricado a partir de botellas recicladas, empregando para iso materiais como o poliuretano (PU), o poliéster e o nylon obtendo un calzado lixeiro, resistente e de alto rendemento.

O mesmo acontece cos equipamentos de roupa deportiva, que levan materiais como o PET ou o nylon reciclado na fabricación de camisetas, suadoiros... Tamén os traxes de baño poden incorporar elementos de plástico reciclado, como o poliéster. 

Mesmo as propias instalacións deportivas xa non son alleas ao uso de plásticos reciclados: pistas de atletismo con resultados óptimos de absorción de impacto, campos de hóckey e canchas de tenis que empregan céspede sintético feito de polietileno ou polipropileno reciclado que garanten as mellores condicións de xogo… As mesmas cintas das medallas dos xogos olímpicos de Río 2016 estaban xa fabricadas cun 50% de PET reciclado.

Os plásticos reciclados reducen até 14 veces a pegada de carbono dos plásticos virxes

Estes son só algúns exemplos de como á incorporación de plásticos reciclados en ámbitos tan comúns como o deporte, permiten obter unhas prestacións excepcionais á par que aforran auga, enerxía e recursos naturais, e reducen a emisión de gases de efecto invernadoiro. Pero o mundo do deporte é só un un exemplo de como o uso de plásticos reciclados vai gañando terreo aos produtos fabricados con plásticos virxes. Na actualidade, o emprego de plásticos reciclados ten presenza en practicamente todos os sectores: fabricación de fibras téxtiles, materiais de construción, mobiliario urbano e sinalización, envase e embalaxe, pezas de automación… e mesmo se están empezando a empregar en aplicacións avanzadas, aproveitando as súas características físico-químicas. 

O proceso de produción

E como se obteñen os plásticos reciclados? Se ben existen outros tipos de tecnoloxías, a reciclaxe mecánica de plásticos supón na actualidade a opción óptima para a recuperación destes materiais. Mediante procesos de clasificación, limpeza, trituración e extrusión, obtéñense, a partir de distintas tipoloxías de refugallos plásticos (envases, plásticos agrícolas, etc) materiais plásticos en forma de granza, aptos para o seu emprego nas distintas aplicacións. Se ben se empregan procesos térmicos na reciclaxe mecánica, as temperaturas empregadas permiten obter materiais moldeábeis por extrusión sen que rompan as cadeas de enlace dos polímeros, o que supón, por unha banda, unhas mellores características físicas respecto a outras tecnoloxías, e, por outra banda, que non se xeren emisións durante o proceso de fabricación. 

A evolución da capacidade de produción nos últimos anos foi exponencial, e agárdase que para o ano 2030 se superen, a nivel mundial, os 54 millóns de toneladas. Para pór en contexto esta magnitude, é equivalente aproximadamente a dúas veces e media os residuos xerados pola totalidade dos habitantes do Estado español nun ano. Tamén supón un incremento dun 52% respecto a produción de plástico reciclado correspondente ao ano 2022. 

Todo isto, gracias ás vantaxes que supón o uso de plásticos reciclados respecto a plásticos virxes, entre as que caben destacar: reduce de forma substancial a porcentaxe de desfeitos plásticos que se envían a vertedoiro e que tardan séculos en descomporse; protexe os recursos naturais, reducindo a necesidade doutro tipo de materias primas; presenta un mellor balance enerxético respecto aos plásticos virxes; e, en definitiva, supón unha peza esencial da economía circular, xa que se lle dá unha nova vida ao plástico, evitando que se transforme en desfeitos. No ámbito económico tamén supón a creación de grandes oportunidades de emprego verde e sostíbel. 

Agárdase que para 2030 se obteñan 54 millóns de toneladas de plásticos reciclados

Os exemplos expostos son mostra da evolución paulatina da incorporación dos plásticos reciclados na vida cotiá da veciñanza, o que contribúe a un cambio de percepción deste tipo de materiais, cada vez máis conscientes da súa importancia no desenvolvemento da economía circular para acadar un futuro sostíbel, xa que, entre outros aspectos, un plástico reciclado diminúe a pegada de carbono respecto a un plástico virxe até en 14 veces. 

Un sector en evolución

En definitiva, os plásticos reciclados e as súas aplicacións constitúen un sector dinámico e en constante evolución, pero, con todo, e para alcanzar os obxectivos de reciclaxe, resulta necesario seguir incrementando os niveis de competitividade destes materias, sendo imprescindíbeis as regulacións normativas que así o permitan, e o compromiso de todos os elos implicados na cadea de valor. Así, se ben se teñen alcanzado grandes logros neste ámbito, tamén nos enfrontamos a importantes desafíos que requiren unha acción conxunta para garantir a independencia da demanda do plástico reciclado doutros factores, como o prezo dos materias virxes, para o cal se require un forte compromiso por parte das administracións, as empresas, e o conxunto da cidadanía. Só así haberá un verdadeiro futuro circular dos materiais plásticos. 

(*) De capital enteiramente galego e con sede en Ourense, Valtalia ten capacidade de tratamento e reciclaxe de 100.000 toneladas anuais de residuos plásticos, o que equivale á totalidade dos residuos xerados nese tempo pola suma dos cidadáns de Lugo e Ourense. Con máis de 20 anos no sector, está presente en varios países. Por volume, é a empresa con maior capacidade de Europa para reciclar plástico flexible. Deste plástico trata ao redor do 14% do total dos residuos producidos en España.

Máis en Reportaxes
Comentarios