Mulleres á fronte. É o título do proxecto e o nome que escolleron para si sete investigadoras das universidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela coordinadas pola antropóloga e profesora da facultade de Humanidades do Campus de Lugo Luzia Oca. Xunto á ONG Ecos do Sur veñen de abrir unha investigación que se desenvolve ao mesmo tempo en Cabo Verde e na Galiza.
O traballo de campo pon o foco nas mulleres, locais e migrantes, vinculadas coa música, o teatro, a danza ou o circo, e que empregan como "ferramentas de intervención para transformación social". Luzia Oca atende a chamada de Nós Diario desde Cidade Velha, capital do municipio de Ribeira Grande de Santiago, na illa de Santiago, onde están a crear unha base de datos de grupos de batukadeiras.
Tradición musical
O batuko é un xénero musical propio da illa de Santiago, moi apegado á tradición cultural caboverdiana. "É un xénero netamente feminino", explica Oca, quen asemella os grupos de batuko aos de pandereteiras, integrados por mulleres e, en poucos casos, "por algún que outro home".
O batuko, lembra a investigadora, "foi moi reprimido durante a colonización", pouco partidaria das prácticas populares de raíz africana. "Tras a independencia produciuse unha explosión e iniciouse un proceso de recoñecemento que continúa".
É neste contexto actual de "valorización do batuko" que a USC asume o liderado deste proxecto de cooperación ao desenvolvemento que busca "identificar na Galiza mulleres migrantes relacionadas coa creación, a transmisión musical e outras artes escénicas" e en Cabo Verde "facer inventario dos grupos de batuko de Ribeira Grande de Santiago".
Trátase dun proxecto colectivo inspirado na traxectoria de Batuko Tabanka, integrado desde o ano 2000 por mulleres da comunidade caboverdiana de Burela, na Mariña; mais tamén das Riot Grrrl, "o movemento punk de mulleres dos anos 90 que fixeron famosa a expresión 'Girls to the front!', que trataba de visibilizar e situar diante as mulleres, sacalas do lugar subalterno no que estaban: nos concertos, nas bandas".
Arquivo dixital
Estas dúas experiencias, sumadas á traxectoria do colectivo 'Mulleres á fronte' en Cabo Verde desde os 2000, animounas a coñecer de perto as formación de batuko, "un fenómeno artístico que ten unha fonda compoñente social e un gran poder comunicativo". Son as mulleres quen lideran os grupos e compoñen "cancións de agradecemento, de gabanza, sobre a realidade propia, a igualdade, os problemas da comunidade: a migración, a falta de auga, de traballo".
A este rexistro de batukadeiras en Cabo Verde, coas que traballan as letras e compilan creacións musicais que farán parte dun arquivo dixital vivo, engadirase o de mulleres migrantes na Galiza que se está a crear en liña "con achegas moi diversas, xeográficas e vivenciais, entre as que encontramos as de Catuxa Salom, Sheila Patricia ou Mounqup". O proxecto, conclúe Oca, "busca capacitar as artistas e achegar alternativas igualitarias que faciliten procesos de cambio social no camiño da igualdade de xénero".