A crise provocada pola pandemia mundial da COVID-19 ameazaba con revolucionar o calendario escolar do vindeiro curso académico, pero a Mesa Sectorial de Educación -reunida virtualmente onte- veu certificar que a proposta da Xunta da Galiza é practicamente un calco do curso anterior.
Co inicio das clases programado para o 10 de setembro en Infantil e Primaria; o 16 do mesmo mes en Secundaria e Bacharelato; e a súa conclusión o 22 de xuño en todas as idades, CIG-Ensino definiu o calendario coa expresión "copia e pega" do de cursos anteriores, aínda que o máis preocupante é o feito de que calquera tipo de contratempo na positiva evolución da doenza non parece ser tido en conta. Na proposta non se recolle referencia ningunha a posíbeis cambios, nin se lles concede ás direccións dos centros máis autonomía para modificar o calendario escolar, así como tampouco figura un estudo sobre a posíbel afectación nos horarios dos centros se hai que alterar rutas e horarios do transporte escolar.
En canto ao número de días lectivos, a proposta elaborada pola Consellaría de Educación non diminúe a carga, estabelecida en 176 días -178, aos que habería que descontar os dous feriados locais-, un sobre a cifra mínima esixida pola normativa estatal, que está por enriba da media europea.
Esta cifra non está equitativamente distribuída, conformando trimestres descompensados nos que figuran 71 días lectivos no primeiro, 52 no segundo e 55 no terceiro, unha situación denunciada polo profesorado e o alumnado, que clama por unha "distribución máis lóxica".
Máis burocracia
Outros eidos moi criticados polas centrais sindicais, neste caso por ANPE, foron o "aumento considerábel da burocracia nos centros" ou "o importante recorte en número de horas de docencia para os auxiliares de conversa".
Por outra banda, o sindicato CIG-Ensino laiase dun "trato discriminatorio" ás persoas LGTBi con respecto doutras datas a conmemorar".