No artigo advirtes do impacto do turismo de masas no proceso de transformación do centro histórico de Lisboa. A que conclusións chegas?
A miña investigación non é sobre turismo, senón sobre a transformación urbana do centro histórico de Lisboa e para facela tiven que estudar o turismo, porque é un dos factores en xogo. Aínda que non era sobre turismo, o turismo acabou sendo un factor clave na investigación. O centro histórico de Lisboa está experimentando unha transformación moi importante e moi rápida, unha “rehabilitación urbana”, e dígoo entre aspas porque ten moitos matices. Un dos factores, como dicía, é o turismo masivo. A partir de 2013, hai un boom turístico en Lisboa, púxose de moda como destino de turismo urbano e aumentou moito o número de visitantes. Esa é unha das forzas que motivan a transformación do centro histórico, pero tamén está o factor do aumento do investimento inmobiliario estranxeiro. Hai moito investimento na rehabilitación de edificios –que era algo necesario, porque estaba moi abandonado, cun 20 ou 30% dos pisos baleiros– pero non se destina a uso residencial, senón a uso turístico ou como segunda vivenda. Este investimento non atrae residentes, senón outro tipo de usos.
O terceiro factor é un marco fiscal e legal moi favorecedor ao investimento estranxeiro, impulsado polos gobernos de Sócrates e Passos Coelho. Un dos programas é o dos visados de ouro, que ofrecen o permiso de residencia en Portugal a investidores non europeos; outro programa ofrece unha taxa impositiva sobre a renda plana para europeos que fixen a súa residencia aí, traballadores cualificados, e iso fai que moitos franceses merquen piso en Lisboa e aforren moito en impostos e, ademais, desde 2013, os xubilados europeos (non portugueses) que fixen a súa residencia en Portugal non pagan impostos sobre a súa pensión. E o cuarto factor son a crise e a austeridade, a combinación de ambas reduciu o poder adquisitivo dos portugueses e por tanto os promotores enfocaron o mercado cara á demanda estranxeira.
Cos límites de comparanza que poida haber co caso de Lisboa, como está afectando o turismo na Galiza neste sentido, en cidades como Compostela?
O caso de Santiago non o estudei a nivel académico, pero para calquera que viva en Santiago [é veciño do casco histórico] é evidente que o fluxo turístico é cada vez maior; ten un impacto moi importante sobre o espazo público; é moi concentrado nun territorio moi pequeno e é bastante concentrado nuns meses do ano, moi estacional, vai de Semana Santa a outubro, aproximadamente. Isto fai que a presión turística sexa moi forte, sobre todo en certas rúas, como en San Pedro ou na de Carretas. Son consciente de que para a xente que vive aí a calidade de vida se viu afectada. Sobre o espazo público hai unha presión excesiva, e tamén sobre o comercio, na zona vella está virado ao turismo, o que fai máis difícil vivir alí. Sobre a cuestión da vivenda, o que conseguiu mitigar o impacto do turismo, que creo que foi unha medida moi positiva, aínda que poida ser insuficiente, é a moratoria de novos estabelecementos hoteleiros por dous anos. A combinación desta medida coa obriga de rexistrar os pisos turísticos a raíz dun decreto da Xunta fai que non estean aparecendo novos apartamentos turísticos. Haberá que ver que facer cunha medida máis estrutural para fomentar o uso residencial da vivenda, que é o que teñen que facer as institucións.o fundamental.
[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 261, á venda na loxa e nos quiosques habituais]