Así, o reitor vigués, Manuel Reigosa, encadrou a alocución nestes "tempos difíciles nos que hai que tomar decisións que afectarán profundamente ao futuro de Galiza".
Nese sentido, quixo pór enriba da mesa o ofrecemento das Universidades galegas –representadas na mesa polos reitores de Compostela e A Coruña, ademais do de Vigo– non só para seguir cumprindo as súas misións fundamentais, como son as de formar as persoas egresadas, producir novos coñecementos e transferilos ao tecido social, "senón tamén para colaborar co resto de axentes sociais en todo o que sexa elevar a mirada e facer da Galiza un lugar mellor, máis próspero e cun futuro asegurado como país produtor de coñecemento".
Esa é, segundo salientou Reigosa, "a chave" para resolver os que cualificou como tres grandes problemas da sociedade galega: o declive demográfico, o envellecemento e o abandono do rural.
Na súa intervención, o reitor salientou a capacidade das institucións académicas para adaptarse desde o curso pasado á pandemia e tratar de garantir a formación do seu alumnado, así como o traballo desenvolvido para dar resposta á docencia en calquera dos escenarios que se poidan producir ao longo dos próximos meses, e que segundo aventurou poden ser presenciais, semipresenciais ou virtuais.
Na mesma liña, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, sinalou as institucións universitarias como "referente fundamental", nun momento no que "o pobo galego soporta unha situación inédita, onde se precisan certezas".
"Non teño a máis mínima dúbida de que as nosas universidades volverán dar exemplo", afirmou, e deu a súa confianza en que a volta ás aulas e o curso se realizará "da maneira en que nos sintamos satisfeitos, entre outras cousas, polo deber cumprido".
O presidente da Xunta tamén demandou a implicación das universidades "nos proxectos tractores para pilotar a reactivación da economía", e asegurou que "coa afouteza de todos, en especial dos universitarios, Galiza disipará de novo todas as sombras que se nos presenten".