Varias conclusións comúns achegaron esta quinta feira os reitores das tres Universidades galegas á Comisión que se desenvolve no Parlamento para a reactivación económica, social e cultural após a Covid-19. Unha, que a transformación dixital é unha oportunidade de mellora no proceso de aprendizaxe –e tamén un reto social– que, en calquera caso, non pode substituír o ensino presencial como ferramenta "esencial" para a igualdade de oportunidades do alumnado.
E dúas, que se as institucións académicas da Coruña, Compostela e Vigo foron quen de adaptarse "con axilidade" ás condicións que a pandemia e o confinamento impuxeron en marzo foi pola súa bagaxe, derivada dunhas estruturas "fortes" e un labor investigador sostido no tempo, malia os recortes neste ámbito aplicados na última década.
Así o puxo de manifesto o reitor compostelán, Antonio López, ao apuntar as investigacións que lidera esta universidade no ámbito das vacinas: "Levabamos anos de traballo. Mais non sempre se dispón do financiamento necesario para soster estas estruturas; se queremos centros potentes debemos loitar por un financiamento básico para unha investigación forte".
Na mesma liña, Julio Abalde, da Universidade da Coruña, reclamou financiamento "estábel e estrutural" para a investigación, non condicionado por convocatorias competitivas. "A nosa adaptación foi posíbel porque tiñamos a estrutura, a forza e o desenvolvemento xa feito. Esa estrutura non se monta dun día para outro", reivindicou, para reclamar tamén o papel da Universidade para "presentar proxectos que sexan quen de dinamizar a sociedade". A este respecto, chamou aos grupos parlamentares a contar coa Universidade no reparto dos fondos europeos de reconstrución.
"Fraco favor nos faremos se desbotamos todo este saber investigador e de transferencia", concordou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, quen fixou como un dos retos das institucións académicas "sermos capaces de presentar proxectos que dinamicen a sociedade e vaian máis aló".
Fenda de coidados
Na súa intervención, Reigosa alertou da fenda dixital que destapou a etapa non presencial, e que cada universidade paliou con distintos tipos de axudas, desde conexión wifi e préstamos de equipos informáticos a bolsas de matrícula, que non evitaron que, caso da Coruña, 200 estudantes renunciasen á mesma neste período.
En Vigo, 300 alumnos e alumnas requiriron destas axudas para poder seguir o curso en remoto, "non nunha situación de igualdade de oportunidades, pero polo menos cunha certa normalidade", admitiu Reigosa, quen alertou tamén da "fenda de coidados" detectada nas diferencias entre a produción científica das investigadoras mulleres e dos homes no confinamento. "Debemos telo en conta na organización do teletraballo futuro", advertiu.
Na sesión de onte tamén pasou pola comisión o director do CIFP Politécnico de Compostela, José Manuel Leis Blanco, para expor o papel da formación profesional no tecido sociolaboral galego, e Fernando Lacaci, da confederación de Anpas Galegas.