O Tribunal de Xustiza a Unión Europea (TXUE) avalou esta quinta feira a adecuación do procedemento colectivo iniciado pola Asociación de Usuarias de Bancos, Caixas de Aforros e Seguros de España (Adicae) contra 101 entidades financeiras que operan no Estado español para que cesen no uso das cláusulas solo e que se devolvan as cantidades pagadas polas persoas consumidoras.
No Estado español presentáronse milleiros de demandas nas que se alegaba a ilegalidades das cláusulas solo á luz da directiva sobre as cláusulas abusivas e após os chamamentos feitos en medios de comunicación de difusión nacional, oitocentas vinte persoas consumidoras compareceron en apoio da acción colectiva.
Despois de que as pretensións dos bancos foran desestimadas en dúas ocasións, estes recorreron en casación ante o Tribunal Supremo (TS), que albergaba dúbidas arredor da adecuación do procedemento colectivo para levar a cabo un control da transparencia das cláusulas para determinar o seu carácter abusivo.
O Supremo fixo tamén referencia á dificultade de utilizar o criterio do consumidor medio para levar a cabo o control de transparencia neste caso, xa que as cláusulas solo dirixíanse a diferentes categorías específicas de persoas consumidoras.
Reclaman a devolución
Adicae celebrou esta quinta feira o que cualificou como sentenza "histórica", na que consideran que o TXUE respalda de maneira "contundente" as súas reivindicacións na macrodemanda de cláusulas solo. "Esta resolución confirma a posición defendida por esta asociación como entidade que liderou e fixo posíbel este fito", destacaron nun comunicado.
A sentenza do TXUE quere dicir "que todas as persoas afectadas deben ser compensadas desde o primeiro momento no que se lles comezou a cobrar de maneira indebida". Adicae considera que a resolución chega "despois de máis de 13 anos de loita incansábel" e representa "unha vitoria non só para as consumidoras, estabelecendo un futuro prometedor para o exercicio efectivo da acción colectiva, senón tamén para a propia xustiza e a transparencia no sector bancario".
A falta de que o TS ratifique a sentenza, Adicae insta as entidades bancarias a restituír as cantidades cobradas de maneira indebida.