Cuarta greve no sector

Os centros de chamadas, en folga o 28N

Os centros de chamadas afrontarán a segunda feira, 28 de novembro, a cuarta folga sectorial no que vai de ano. A CIG apela á participación masiva contra os recortes que a patronal quere impoñer nas negociacións do convenio estatal.

[Imaxe: CIG] Manifestación de traballadores e traballadoras dos centros de chamada en Vigo
photo_camera [Imaxe: CIG] Manifestación de traballadores e traballadoras dos centros de chamada en Vigo

Esta segunda feira os centros de chamadas vivirán unha nova folga. É a cuarta greve no que vai de ano para o sector. Nesta ocasión, os traballadores e traballadoras reclaman un convenio xusto após teren coñecemento dos recortes que lles pretende impoñer a patronal.

A CIG emitiu un comunicado de prensa en que apela á participación e en que salienta que o sector dos centros de chamadas se atopa á vangarda das mobilizacións da clase traballadora na Galiza. “É fundamental para as traballadoras e traballadores que logren un acordo favorábel aos seus intereses, chocando inevitabelmente cunha patronal que quere consolidar o sector nunha precariedade perenne”, sinala a central sindical.

A proposta de suba salarial dun 1% representa, para a CIG, unha “auténtica tomadura de pelo”

A proposta de suba salarial dun 1% representa, para a CIG, unha “auténtica tomadura de pelo”, tendo en conta que as subas do IPC desde a aprobación do anterior convenio “esixirían un mínimo do 8%” para uns salarios que rara vez chegan a mileuristas. O sindicato nacionalista propón unha suba liñal de 540 euros para que os salarios manteñan o poder adquisitivo, así como incluír un complemento de quinquenio correspondente a 50 euros. Tamén un complemento de idioma polo eventual uso do galego ou que o traballo en sábado sexa retribuído como o dos domingos.

Entre outras medidas, a CIG pretende que se acade unha duración máxima de xornada de 35 horas semanais sen rebaixa salarial, así como a eliminación da xornada irregular, paliándoo con novas contratacións específicas. Tamén aumentar os tempos de descanso, quendas continuas para o 60% do persoal, compensacións diarias de 7 euros para contratos con quendas partidas ou que aquelas persoas que conten con cargas familiares teñan preferencia á hora de elixiren quenda.

Convenio galego

Aliás, a CIG asegura que “se contásemos cun convenio de ámbito galego, as negociacións serían moito máis favorábeis, dada a posición da central como primeira forza en número de delegados e delegadas no sector no noso país, así como en liderar a resposta por un convenio digno”.

A folga no sector terá tamén a súa expresión nas rúas con manifestacións en Vigo (ás 11.30h desde Unísono, Gran Vía 115, até Bosch, María Berdiales, 20); A Coruña (ás 12h desde Atento, Juan Florez, 82); Ourense (concentración ás 12h na praza das Damas) e Lugo (concentración ás 12h diante de Abante BPO, Avda. Infanta Elena, 300).

Comentarios