CIG propón medidas urxentes para que Ferrolterra poida “amarrar o seu futuro”

O último balanzo da EPA sitúa a Ferrol cunha taxa de paro do 30%, catro décimas máis que no trimestre anterior

Cadea humana 13 decembro
photo_camera Conferencia de imprensa CIG en Ferrol


Unhas horas despois de se divulgar a última EPA, a CIG presentou unha batería de propostas conducentes á creación de emprego en Ferrolterra “a curto prazo”.

Os secretarios comarcais da central, Manel Grandal e Xesús Anxo López Pintos, convidaron a sociedade civil da comarca a participar non só no acto co que culminará a campaña “Amarra o teu futuro” –unha cadea humana que unirá o 13 de decembro os dous extremos da ponte das Pías, que une Fene con Ferrol-, senón tamén na asemblea aberta que se realizará a vindeira semana co obxectivo de recibir máis ideas e propostas coas que “atallar o cancro que padece esta comarca”, segundo Grandal.

No programa de acción directa do sindicato nacionalista, o sector naval ocupa o lugar preeminente e, de feito, explicaron os voceiros do sindicato, “ha ser o motor sobre o que se constrúa a necesaria diversificación industrial da comarca”. Así, volven reclamar a construción do dique flotante argumentando que “os proxectos xa están feitos e só habería que dar a orde de poñelo en marcha”, a entrada da Xunta no consello de administración de Navantia e dotar de persoal especializado o estaleiro de Fene para que poida entrar con garantías no sector civil cando remate o veto, o vindeiro 31 de decembro. 

CIG reclama que se dote de persoal especializado o esteleiro de Fene para preparar con garantías o fin do veto á construción no sector civil

As medidas no sector enerxético son parte importante da proposta da CIG: reclamar a Endesa que faga os investimentos necesarios para se adaptar á nova directiva de emisións ambientais, acadar unha tarifa galega para a industria e desenvolver en toda a súa potencialidade o sector eólico, paralizado por Núñez Feijóo en 2009. 

Investir en rehablitación e mellorar a rede de transporte –mellorando a conexión ferroviaria con A Coruña e establecedto rutas de transporte público urbano para conectar os polígonos industriais- son outras medidas, ás que a central nacionalista engade a rexeneración da ría para duplicar o número de empregos actuais. 

Comentarios