Pablo Valeiras

“Para este goberno, na xustiza o que prima é o diñeiro e non o servizo público”

Este 7 de febreiro a administración de xustiza inicia unha greve indefinida en Galiza. Non é un capricho, inciden as organizacións convocantes, fartos da “irresponsabilidade” da Xunta neste conflito. Falamos con Pablo Valeiras, voceiro da plataforma que une a toda a representación sindical. “Esta loita é contra a discriminación dos traballadores da xustiza galega a respecto dos do resto do Estado”

XUSTIZA COMITE GREVE
photo_camera Comité de greve. Pablo Valeiras, de pé, o segundo pola esquerda.

Pablo Valeiras, de Alternativas na Xustiza-CUT, é un dos voceiros da plataforma que reúne a todos os sindicatos da administración de xustiza en Galiza – CIG, USO, AXG-CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO – e que manteñen una unidade total neste conflito

-Como se chegou a este punto, á convocatoria dunha greve indefinida na administración de xustiza de Galiza? Que se ten que dar para unha desconvocatoria?

-Chegamos aquí porque a Xunta decidiu discriminar todos os traballadores da xustiza galega a respecto dos do resto do Estado. Por iso a propia Xunta ten doado acabar con isto. Como? Pois acabando coa discriminación na xustiza galega.

-O conflito endureceuse neste último tramo…

-En novembro pasado comezamos co intento de negociación, poñendo riba da mesa os recortes que sufrimos os traballadores da administración de xustiza, entre 10.000 e 3.500 euros aos que sumar os 100 euros que perdemos de media todos os meses a respecto do resto dos territorios do Estado. Non aturabamos máis, consideramos que era o momento de solucionar isto.

O que procura a Xunta non é negociar, é tombarnos

-Comezaron entón as negociacións…

-Durante varias reunións, incluídas as dos primeiros días de greve [1 e 13 de decembro] a Xunta negábase a calquera negociación. Os primeiros avanzos viñeron cando a presidenta do Consello galego de relacións laborais (CGRL), ante a envergadura que estaba a coller o conflito, decidiu mediar ela de ‘motu propio’. Na acta desa primeira reunión coa mediadora recóllese: “as partes recoñecen capacidade para negociar todos puntos obxecto da convocatoria da folga”.

Durante as tres reunións que mantivemos con esa mediación, a Xunta admitiu que había discriminación e que era necesario chegar a un acordo. O 9 de xaneiro, a propia presidenta do CGRL dixo que era imprescindíbel presentar cantidades para negociar en torno a elas. Nós puxemos enriba da mesa unha oferta e a presidenta dixo á Xunta que tiña que dar unha contestación. Os representantes da Xunta dixeron que nese momento non podían dala, que tiñan que falar con Facenda.  Despois diso, silencio absoluto até que se presentou o director xeral de Función Pública, que non estaba nesa mesa de negociación, para dicir que aquelas primeiras cantidades que se puxeran riba da mesa para negociar eran as definitivas. Entrou Facenda e acabouse a negociación. Os sindicatos non asumimos que un documento de traballo sobre o que negociar sexa o definitivo, o de feche.

Desde 2013 a 2016 fomos a única comunidade de todas as que teñen transferida xustiza que recibimos un recorte de entre 10.000 e 3.500 euros por traballador

-A Xunta di que é inasumíbel asumir as cantidades que vós pretendedes

-Isto non é unha reclamación económica, esta é unha reclamación contra a discriminación que temos os traballadores da xustiza galega fronte ao resto de traballadores da xustiza no Estado. A día de hoxe, os traballadores da xustiza galega estamos discriminados a nivel sanitario fronte a maxistrados, fiscais, secretarios. En baixas por gripe, varicela ou sarampelo eles non teñen ningún tipo de desconto e a nós descóntannos 50%. Pero os traballadores dos outros territorios do Estado tampouco teñen descontos pola gripe. Nós si.

Desde 2013 a 2016 fomos a única comunidade de todas as que teñen transferida xustiza que recibimos un recorte de entre 10.000 e 3.500 euros por traballador. Iso é un recorte de 20%, un recorte máis grande do que pedimos nós agora de incremento.  Ademais, mensualmente os traballadores de xustiza galega perdemos 100 euros de media a respecto dos de outros territorios.

-Cal é a situación da xustiza en Galiza. Hai quen indica que na xustiza a Xunta aplica a mesma filosofía política que na sanidade ou educación

-Entre 2011 e 2018 o diñeiro destinado nos orzamentos á externacionalización na xustiza pasou de 2 millóns a 11 millóns de euros. A política do PP consiste en que os servizos públicos empeoren para poder xustificar a súa privatización. Tanto na sanidade, como na educación como na xustiza. O diñeiro prima sobre o interese público e sobre os servizos públicos.

-O comité de folga anunciou que recorrería os servizos mínimos impostos pola Xunta para o 7 de febreiro, ao considerar que son abusivos e vulneran o dereito constitucional á greve

-Primeiro, o borrador de servizos mínimos que temos da Xunta está en castelán, un bo exemplo do que pasa co galego neste país. En canto aos servizos mínimos, consideramos lamentábel a proposta. Manteñen como servizos mínimos esenciais os mesmos que para as tres xornadas de greve precedentes (actuacións urxentes do Rexistro civil, rexistro de asuntos urxentes, actuación con prazo, e xulgado de garda) e, non obstante, os servizos mínimos alcanzan nalgúns xulgados máis persoal do que realmente existe, como por exemplo en Fonsagrada. O que procura a Xunta non é negociar, é tombarnos.

Comentarios