Preocupación no persoal de Alcoa ante a inminente resolución na poxa do seu futuro

Unhas 800 familias da factoría coruñesa dependen da decisión que se podería coñecer esta segunda-feira e que desde o comité de empresa agardan con “confianza” mais sen deixar a mobilización.

Alcoa
photo_camera Alcoa

O persoal da fábrica de Alcoa na Coruña afrontan con “incerteza” a poxa enerxética que terá lugar esta segunda-feira, aínda que podería adiarse un día máis- e da que depende o futuro dos 400 postos de emprego da factoría, así como outros tantos indirectos, agora en claro perigo.

En declaracións á axencia Europa Press, o presidente do comité de empresa da fábrica da Coruña, Nazario Arias, asegurou que a pesar dos nervios está “confiado” á espera do resultado xa que a multinacional afirma que cesará a súa actividade se non consigue “prezos competitivos”. 

En todo caso, o plantel de Alcoa non cesará a súa mobilización, que xa reuniu en varias marchas a decenas de milleiros de persoas. Deste xeito, segundo Arias, unha ampla representación de traballadores acudirá na mañá desta segunda-feira ao pazo de María Pita, onde terá lugar o último Pleno municipal do ano, e onde contan con recibir o apoio de todas as forzas políticas. 

Así mesmo, o Comité viaxará a Madrid para ter unha xuntanza coa dirección da empresa para negociar o posíbel ERE, que podería quedar en nada de saír con éxito da poxa, “pero que temos que ir prevendo”, segundo indican desde a representación sindical. 

Comentarios