Unha cadea humana sobre a Ría para lembrar que, malia todo, Ferrolterra segue en pé e exixe solucións

A cadea humana decorrerá este sábado, día 13, na Ponte das Pías, impúlsada pola CIG e co apoio de entidades, organizacións e colectivos. “Demandamos políticas urxentes contra a emerxencia social que padece Ferrolterra”. Vídeo no Interior.

Ferrolterra é unha comarca galega castigada polo desemprego como poucas no Estado español. “Vívese unha situación de emerxencia social”, afirman desde a CIG, o sindicato que impulsa o acto reivindicativo que este sábado vai ter lugar sobre as augas da Ría por volta das 12:30 horas: unha cadea humana na Ponte das Pías. “As persoas participantes despregaranse en dous grupos dende cada punta da ponte, até confluír no centro da mesma onde terá lugar acto principal da protesta”, indican desde a central nacionalista.

A CIG impulsa, mais a iniciativa conta co apoio de diferentes organizacións, entidades e colectivos. As últimas -polo de agora -en se sumar foron as confrarías de pescadores de Ferrol e Barallobre. “Se a Ría estivese depurada e preparada centos de persoas poderían traballar e vivir do marisqueo e non ter que ser furtivas”, din desde os pósitos mariñeiros.

Os convocantes esperan unha asistencia masiva. Convidan ás persoas participantes a reunirse antes das doce do mediodía en dous únicos puntos: a gasolineira que hai na entrada da ponte vindo dende Ferrol e na explanada de San Valentín para as persoas que se acheguen dende Fene. “Dende eses dous puntos irase despregando a cadea até atoparse no medio da ponte, lugar onde se realizará o acto central da mobilización, que se prevé que comece a partir das 12:30 horas”. Dito acto estará protagonizado pola figura simbólica de dous barcos, que serán "botados" ao aire mediante globos. Con esta acción, apunta a CIG, preténdese simbolizar a reivindicación dun Complexo Integral da Construción Naval na Ría de Ferrol.

Comentarios