Opinión

Crise e rebelión social

A crise social subxacente (económica e política) que leva deteriorando dende hai máis dunha década a vida de millóns de persoas en Occidente está aflorando con intensidade. As medidas abertamente coercitivas que distintos gobernos están aplicando de forma profundamente antidemocrática evidencian que os problemas que temos á vista só son a punta do iceberg. A crise económico-financeira, non resolta, de 2008 (e outra nova en desenvolvemento) está pasando factura e moitos cidadáns estanse decatando de que os discursos de progreso e de redistribución da riqueza que a cada pouco proclama a clase xerencial e política neoliberal non son máis que contos para párvulos.

Por exemplo en Francia, o problema non está só no innegábel impacto social do incremento da idade de xubilación, senón na deriva autoritaria do sistema político ata o punto de que Macron se salte a validación democrático-parlamentaria do seu decreto e se negue a negociar cos sindicatos que lideran as protestas. A imaxe da garda pretoriana, de máis de doce mil policías, tras a que se pretende ocultar Macron, co seu discurso vacuo e displicente, non necesita palabras. Unha variábel que se repite en Israel coa reforma xudicial de Netanyahu pretendendo concentrar máis poder na presidencia dinamitando o equilibrio entre poderes. As accións deste tipo indican que o sistema capitalista clásico xa non aguanta un funcionamento democrático sen o risco de esfarelarse. O ritmo de acumulación e concentración de riqueza das elites non deixa máis que migallas (o groso vai para a OTAN e o capital financeiro) para sustentar a arquitectura social do sistema. Por outra parte, está cada vez máis claro que a política de slogans politicamente correctos, pero subalternos, xa non convencen aos millóns de persoas que non alcanzan a chegar a final de mes despois de practicar o multi-emprego. 

A crise que se manifesta xa é claramente interclasista e transversal afectando a todo tipo de traballadores, mulleres, autónomos, mozos, agricultores e pequenos empresarios, ademais dun novo terremoto financeiro aínda en evolución. Todos eles son síntomas da especial gravidade en que se encontra o sistema capitalista neoliberal, con crebas bancarias cada pouco, aumento imparábel (e impagábel) da débeda pública e privada, precariedade do emprego e guerras cada vez máis cerca das fronteiras da UE. Caos e desconcerto.

Por iso, o exemplo da sociedade francesa saíndo masivamente á rúa mobilizando a millóns de persoas devólvelle a esperanza á humanidade. Outra vez é o pobo francés quen toma a iniciativa en Europa denunciando a falsidade do discurso neoliberal, amosando que a mobilización social masiva é un elemento inasimilábel para o sistema. O único (e grande) problema é que as últimas décadas de trampas neoliberais logrou debilitar de forma dramática o tecido político e cultural da esquerda rupturista abocándoa a unha existencia atomizada e case testemuñal no ámbito organizativo e parlamentario. Un drama, que lle afecta a todo o Occidente en maior ou menor escala. Ese é o reto que ten unha grande parte da esquerda en Europa: acumular forzas, reorganizarse e actuar.

Comentarios