Opinión

O fascismo incesante

Desexamos que Lula da Silva teña éxito na restauración da legalidade tras o intento de golpe de estado, apenas unha semana despois de tomar posesión como presidente. Como prometeu Lula, sería interesante saber quen financiou esas hordas fascistas, acampadas durante meses a carón do cuartel militar de Brasilia, esixindo un golpe de estado sen que actuasen as autoridades políticas e xudiciais en todo ese tempo. Convén non esquecer que Lula foi perseguido e metido na cadea en 2016 polo corrupto aparello xudicial e parlamentario brasileiro baixo unha denuncia falsa. Unha estratexia de eliminación de líderes de esquerda auspiciada pola Secretaría de Estado de EUA, iniciada na época de Obama-Biden e continuada por Trump. Agora, parece que Biden non quere abrir novas frontes, está demasiado ocupado con Ucraína e Taiwán. Veremos.

Pero Lula vaino ter complicado. Se non se fai cunha potente alianza a nivel nacional e latinoamericano e non emprende unha ofensiva intelixente de comunicación de masas, ademais dunha labor de limpeza na xudicatura, policía e exército non poderá levar adiante as reformas económicas e sociais necesarias.

Para as elites, a utilidade dos movementos de corte fascista, fronte aos partidos sistémicos clásicos, estriba en que o seu discurso extremista irracional chega con enorme facilidade (nun entorno de profunda crise económica e de valores humanistas) ás masas marxinais do lumpemproletariado e de desocupados. Incluso, unha parte da clase traballadora máis consciente, pero afectada polo deterioro dos servizos públicos e o desemprego pode ser permeábel a ese discurso demagóxico, anti-social e profundamente anti-democrático. Sobre todo, se a esquerda se perde en múltiples liortas e discursos accesorios en vez de atacar de forma principal a brutal desigualdade socio-económica xerada polo sistema capitalista financeiro. Triste, pero a esquerda tamén é responsábel (por omisión, ignorancia ou pasividade) do que ocorre.

Por iso, eses movementos están en auxe en Europa, na América Latina ou América do Norte. No caso español, o estado maior do capital financeiro hai tempo que se decatou de que ter forzas políticas complementarias do PP, como Ciudadanos, Vox ou os partidos sectoriais, é altamente funcional aos seus intereses na medida en que sirvan para lle furtar apoios ao conxunto das forzas progresistas, ao tempo que promoven con éxito a deriva clintoniana da esquerda española a través dos medios mainstream.

Algo disto ocorre no Brasil bolsonarista, na Colombia uribista ou na Bolivia dos seguidores do fascista Luís Camacho, recentemente detido polas autoridades bolivianas. Por certo, a OEA e o seu secretario xeral Almagro (totalmente supeditados a Washington) acaban de preocuparse pola súa situación. Que vergoña. Os mesmos que avalaron o golpe de estado contra Evo Morales, con ducias de asasinatos e actos vandálicos, e que aínda non se pronunciaron sobre o golpe a Lula, como denuncia México. A colusión entre EUA, os organismos internacionais, a xudicatura, a dereita e o estamento militar é unha constante histórica en todo o planeta. Queda moito que cambiar no mundo.

Comentarios