Opinión

Liudmila

En anteriores columnas escribín sobre a natureza xeopolítica do conflito ucraíno, un episodio de cambio de época utilizado por EUA-UK para adelgazar (máis) o sistema social do benestar, someter a UE e acosar a Rusia. De forma simultánea, asistimos á utilización masiva da censura e a desinformación pola OTAN para xustificar a política de sancións e acalar disidentes. A algúns pareceulles excesiva e cuestionábel esta visión, pero os feitos non fan máis que confirmar, en termos xerais, esa liña argumental. A intoxicación informativa é a táctica de EUA dende o 11-S, basta lembrar as famosas "armas de destrución masiva" para xustificar a invasión de Iraq en 2003, mentindo sen ningún rubor ao CS das Nacións Unidas. Por certo, daquela, Ucraína participou nesa invasión (sen aval da ONU) e con centos de miles de mortos. Só para despistados.

Aquilo non lles pasou factura e seguiron coa mesma en países como Venezuela, Cuba, Libia ou Siria. Neste último país dedicáronse a escenificar supostos bombardeos químicos polo exército sirio, a pesar de que EUA sabía que goberno de Assad xa non dispoñía de tales armas. Non importa, os medios occidentais fixéronse repetidamente eco de numerosas "atrocidades" que despois se demostrou que foran montaxes dos famosos "Cascos brancos", unha ONG que traballa para o MI-6. Había que criminalizar o presidente sirio (e os seus aliados rusos) por defenderse lexitimamente do sanguinario Estado Islámico (armado e adestrado por EUA).

De forma similar ocorre na actual Guerra do Leste, tanto, que incluso a Rada ucraína se viu na obriga de tomar medidas contra a Defensora do Pobo Liudmila Denisova ao comprobarse de forma inequívoca a actuación delituosa desa alta funcionaria. A razón, a manifesta falsidade dos seus informes (avalados por Zelenski e a OTAN) sobre supostas condutas criminais de soldados rusos. A información, "preparada" por Liudmila, foi a fonte utilizada por Newsweek para poñer nun gran titular: "Os rusos violaron (en Bucha) un neno de 11 anos e obrigaron á súa nai a mirar", ademais de servir como probas para os xuízos por crimes de guerra. Porén, todas as falsas acusacións caeron como un castelo de naipes cando algunhas organizacións internacionais esixiron coñecer datos fiábeis das atrocidades que figuraban nos informes de Denisova. Simplemente, non había nada, todo fume e desinformación.

O escándalo foi de tal calibre que a finais de maio á Rada non lle quedou máis remedio que destituír a Denisova (e salvar a cara de Zelenski) por mentir e incumprir coas súas obrigas (e dirixir o seu departamento dende Londres). Reflexionemos, non resulta enormemente sospeitoso que se teña que mentir desa maneira para sustentar a versión OTAN-ucraína da Guerra do Leste? Entre tanto, España vai enviar tanques obsoletos (vergoñento) e EUA aprobou 40 mil millóns de "axuda" a Ucraína, unha parte substancial deles para actividades de desinformación e guerra sucia (en Europa). Centos de veces máis que o investido por EUA en axudas de cooperación internacional, mentres o mundo se precipita nunha gravísima (e inútil) crise bélica, económica e alimentaria. De dementes.

Comentarios