Opinión

O Estado, contra a democracia

Que podemos dicir dun Estado que na mesma semana amaga co uso das armas e instrumentaliza politicamente o poder xudicial?

Que podemos dicir dun Estado que na mesma semana amaga co uso das armas e instrumentaliza politicamente o poder xudicial contra un pobo que apenas quere exercer un dereito democrático elemental, o dereito a votar? Que podemos dicir dunhas elites dirixentes -as do PP- que se encastelan na defensa dunha Constitución pactada en 1978 coa cúpula franquista, con persoas que como Martín Villa son agora obxecto de persecución xudicial, no ámbito internacional, por crimes contra a humanidade?

O menos que podemos dicir é que ese estado ten evidentes reflexos autoritarios e que a súa concepción da democracia non está á altura das demandas da sociedade, das demandas das persoas e das demandas das distintas nacións que coexisten no seu interior. Daí a crise de lexitimidade que vive o réxime de 1978. Daí a imperiosa necesidade de superar esa crise pola vía do aprofundamento da democracia, entendida como o exercicio de dereitos colectivos e, no caso de Galiza, como o exercicio da nosa nación a decidir libremente o seu estatus político.

Equivócase gravemente o Estado español encastelándose na defensa dunha legalidade ilexítima

Madrid está a usar todos os poderes do Estado contra o pobo catalán. Non doutro xeito se pode interpretar a delirante decisión de encausar a Artur Mas como presidente da Generalitat, ao que se lle imputan até catro delitos. Equivócase gravemente o Estado español encastelándose na defensa dunha legalidade ilexítima. É un erro político probabelmente irreparábel, do ponto de vista español, porque alimentará aínda máis a causa independentista. A estas alturas, e coas forzas rectoras do réxime do 78 actuando unidas desde o búnker, a mensaxe que reciben as catalás e os cataláns é evidente: con España non hai nada que facer, nen con esta nen coa rupturista, desde o momento en que Pablo Iglesias dixo esoutro día que Catalunya non ten competencias para realizar unha declaración unilateral de independencia.

Comentarios