Opinión

Retiros dourados

O Senado, ademais da cámara inútil na que sentan o cu os vasos chineses dos grandes partidos, é tamén o lugar no que Feijóo mantén viva a ilusión de que el preside España. Moito menos estresante que o Senado é hoxe o Parlamento europeo. Un retiro dourado que, salvo que un se empeñe en empregar como caixa de resonancia e agitprop (Ana Miranda fai isto con solvencia), resulta ideal para acumular trienios de cara á xubilación sen demasiado estrés.

A CRTVG comprende á perfección a cuestión. Por iso agradecemos ao ente público-privatizado o debate clandestino celebrado na mañá do luns sobre as eleccións europeas. Nel soubemos que Millán Mon, deputado do PPdeG en Bruxelas, está vivo e coleando e que o vende-enciclopedias Javier Nart, de Ciudadanos, aspira a obter un salario que, cun pouco de sorte, sobrevivirá ao cadáver das siglas polas que se presenta.

Comentarios