Opinión

Para Madrid hai cartos, para Galiza non

[Alberte Mera]

O Goberno español di que non hai cartos para rescatar a AP-9, cuxa concesión a Audasa non caduca até 2048 (a prórroga até ese ano foi unha cara herdanza para Galiza de José María Aznar cando era presidente español e que investiga a Comisión Europea por ilegal). O ministro Óscar Puente ve “inviábel” o rescate ao cifralo en 4.000 millóns de euros, malia a propia concesionaria telo estabelecido nunha cifra moito inferior (1.034 millóns). Esqueceu o ministro -recordoullo onte o deputado do BNG Néstor Rego- que para rescatar as radiais madrileñas si houbo cartos (4.290 millóns custou segundo as xestoras das vías).

O rescate da AP-9 tería unha concreción fulcral para a sociedade galega: que sexa gratuíta, libre de peaxes. En Compostela, dixo onte o presidente do Parlamento galego que iría ao Padornelo recibir Couñago, Pontón e Besteiro se logran na súa comparecencia no Congreso do próximo 11 de xuño a transferencia da autoestrada á Galiza. Serán quen desta volta PP e PSOE de acatar a petición unánime do Parlamento de transferir a AP-9 ou farán no Congreso como na última lexislatura e eternizarán o debate para atrasar a votación até que remate o mandato e haxa que volver iniciar todo o proceso para a transferencia? Acaten a vontade do pobo galego. Sexan demócratas.

Comentarios