Opinión

A terra, da Ulloa ao Morrazo

[Alberte Mera]

Hai algo máis político que a defensa do medioambiente, que a defensa da terra, que a loita pola preservación do territorio e dunha economía produtiva e sustentábel fronte a un complexo contaminante? O presidente da Xunta da Galiza tenta descualificar a mobilización en contra do plan da multinacional Altri e do Goberno galego para instalar unha macrocelulosa en Palas de Rei (A Ulloa), sinalando que a protesta é política. E logo? Que vai ser? E como cando din que non fan unha folga porque é política? E logo é que as medidas laborais non son política? Nestes tempos de negacionismo e ultraneoliberalismo que pretende borrar a soberanía popular e a intervención pública -para o que lles interesa, claro, porque para dar cartos de todas nós ás empresas da sanidade privada ou enerxéticas contaminantes si lles interesan as institucións públicas- cómpre non empregar a palabra "política" para desacreditar ninguén e menos aínda os movementos sociais. Outra cuestión, señor Rueda, é que sexa apartidario, iso que son os movementos sociais pero que non é, por exemplo, a CRTVG coa actual Dirección.

Da Ulloa a Compostela, o pobo rodeou a Xunta da Galiza contra Altri. En Touro reclaman "non" á reapertura da mina e onte catro das cinco Alcaldías do Morrazo reclamaron ao Goberno galego que rexeite a instalación do macroparque eólico que destruirá o territorio. É a terra. 

Comentarios