Opinión

Anova e Podemos: democracia e abertura?

Os procesos de debate e electorais partidarios, e a práctica política, tanto de Anova como de Podemos, están a ser tremendamente clarificadores a respecto da dimensión real da calidade da participación dos afiliados/as e da democracia interna. 

Os procesos de debate e electorais partidarios, e a práctica política, tanto de Anova como de Podemos, están a ser tremendamente clarificadores a respecto da dimensión real da calidade da participación dos afiliados/as e da democracia interna. Non é unha cuestión menor, xa que ambos os dous utilizan este tema como a primeira das bandeira de enganche. Consideran que isto é o que máis os distingue dos partidos existentes, mesmo daqueles que, como o BNG, son asemblearios dende a súa fundación, hai máis de tres décadas. Non vou analizar neste caso os obxectivos e a estratexia de ambas as forzas; téñoo feito en varios artigos anteriores. Quérome centrar nesta ocasión na democracia interna e na abertura cara a sociedade, xa que considero que reflicte o xeito de axer destas novas forzas de esquerda. 

<"É fundamental que as opinións básicas, das correntes representativas, teñan o seu papel nos debates e se considere a súa opinión nas resolucións que tomen os organismos de dirección". 

É esencial para toda organización que os/as militantes participen plenamente dos procesos internos e das tarefas acordadas. E para que isto sexa así, é fundamental que as opinións básicas, das correntes representativas, teñan o seu papel nos debates e se considere a súa opinión nas resolucións que tomen os organismos de dirección. Só deste xeito dáse un completo acubillo á pluralidade de pensamento que abranguen as bases fundacionais dunha fronte, mais tamén dun partido, e mesmo dunha central sindical.  

Cómpre lembrar que cando os irmandiños decidiron irse do BNG, hai agora máis de dous anos, Beiras afirmaba nunha entrevista a La Voz de Galicia que as razóns eran “que non haxa unha estrutura de partidos, senón de fronte plural; que se recupere a democracia asemblearia, a toma de decisións de abaixo a arriba; cómpre retomar o respecto recíproco, o principio de que todos somos iguais tendo en conta as diferenzas. Refírome a rematar tamén co pensamento único, coas discriminacións. O BNG non pode estar ao servizo dun aparato”(26-01-2012). Mais hoxe, en Anova conviven varios partidos e tendencias (FPG, irmandiños, Cerna, etc), e non todos teñen as mesmas posibilidades, e algunhas mesmo son marxinadas. 

Fago as anteriores consideracións porque o que aconteceu na última Asemblea de Anova, hai poucos días, vai contra toda norma de integración das distintas correntes que conviven na organización. O sistema electoral escollido, malia ser de listas abertas, deixou fóra do máximo organismo de dirección e da executiva (alén dos que podan ser eleitos polas comarcas, e dunha representación anecdótica) ao 40% da militancia que manifestaba teses diverxentes coa corrente oficial. E mesmo con estas contradicións, algúns dos seus dirixentes gabábanse do talante democrático e do pluralismo. A autocrítica brilla pola súa ausencia. 

"O tempo viu amosar que a democracia interna non era a razón fundamental para a escisión dos irmandiños, senón diferenzas de liña e de protagonismo".

No BNG, que seica era o cerne de todos os males, as correntes que se presenten ás eleccións internas, con algún peso, teñen garantida a presenza no Consello Nacional e na Permanente. Ou sexa que o tempo viu amosar que a democracia interna non era a razón fundamental para a escisión dos irmandiños, senón diferenzas de liña e de protagonismo. Isto resulta máis claro cando se considera que na última asemblea, Beiras amagou con deixar Anova, se as cousas non ían por onde el as quería levar. Xa non se pode dicir que este xeito de axer, tan pouco orgánico, é unha acusación gratuíta da UPG. En relación á problemática nacional, que é o centro das diverxencias internas actuais en Anova, o tempo amosou que a alianza con forzas estatais non era unha cuestión táctica, senón de maior percorrido e fondura.

Polo tanto, tendo en consideración a práctica, a constitución de movementos amplos con obxectivos electorais (como as Mareas, etc.) tampouco son unha garantía de pluralismo e comportamento democrático. Cando menos cun carácter tan absoluto como refregan teimosamente os convocantes, se temos en conta o acontecido nalgunha das forzas que os impulsan.

"O resultado da proposta de Pablo Iglesias é unha estrutura tan piramidal como a dos “partidos da casta” cando se trata do exercicio do poder interno"

Pola súa banda, no caso de Podemos, o debate sobre a proposta de dirección reflicte unha situación moi semellante á anterior. Non se trata só de se a máxima representación é persoal ou colectiva, xa que ninguén cuestiona o liderado de Pablo Iglesias. O aspecto principal semella ser, se este nomea unha equipa executiva á súa medida e co seu programa ou se esta ten un carácter máis plural, integrando outras sensibilidades (como propoñen os alternativos con Echenique á fronte). É unha cuestión de envergadura, que ten como eixo o pluralismo e a democracia interna, máxime cando se lle engade como parte da disputa o grao de autonomía dos círculos territoriais. 

Debullemos un chisco a cuestión. Alén de que ambas as partes sexan moi abertas na afiliación, tanto que non se distinguen afiliados de simpatizantes, e que todos podan decidir nos procesos electorais internos, e participar nos debates dos círculos cos mesmos dereitos, a diferenza fíxase dun xeito moi claro nos organismos de dirección, que terán un carácter monocromo e, polo que se ve, cunha estrutura xerarquizada e unha referencia única. O resultado da proposta de Pablo Iglesias é unha estrutura tan piramidal como a dos “partidos da casta” cando se trata do exercicio do poder interno, que en definitiva é o que da rumbo á organización e marca a liña política no día a día. 

A argumentación do dirixente de Podemos non deixa lugar a dúbidas sobre o seu pensamento neste tema, malia que posteriormente quitase ferro á cuestión. Afirmou “que o ceo non se toma por consenso, senón por asalto”, parafraseando as palabras de Marx sobre a Comuna de París. Porén Marx referíase a como debe ser a resolución da confrontación entre a variada alianza revolucionaria e as forzas da reacción. Non semella que se podan aplicar no canto dunha asemblea partidaria, a menos que as diverxencias ideolóxicas e a folla de ruta sexan totalmente diverxentes, que non parece o caso. Pedir aos compañeiros/as que perdan as votacións que se afasten da dirección, fortalece esa idea sectaria, e que o líder ameace con facerse a un lado se non son aceptadas as súas teses, amosa a sede de poder e a incapacidade para traballar colectivamente con aqueles que fan outras propostas. Ou sexa: que se está máis disposto a predicar que a debater e convencer. Sendo esta unha postura avalada por unha boa parte do grupo fundacional de Podemos, non é unha arroutada do momento, e reflicte ate que punto non existe abertura cando se trata do exercicio do poder.

"Alén do que diga o programa definitivo, na intervención inaugural do seu congreso, Pablo Iglesias fixo unha apoloxía do patriotismo español, recuperando para a linguaxe da esquerda estatal unha postura que dende a Guerra Civil é propia do discurso da dereita".

Na democracia interna, máis alá da propaganda, Podemos non ten diferenzas cos partidos tradicionais, e mesmo escolleu unha estrutura que, dando aparentemente poder a unha base moi ampla, na práctica está formada hoxe en día por simpatizantes. Sendo deste xeito ¿que incidencia real terá sobre as decisións dos organismos de dirección? Cal será a autonomía dos círculos e de Podemos nas nacionalidades históricas? 

Noutro aspecto, que é fundamental para as clases populares galegas, como o dereito de autodeterminación, o responsábel do círculo de Podemos na Coruña apostaba porque Galiza puidese decidir o seu futuro. É unha postura positiva. Porén, esta aposta é compartida polo resto dos círculos na Galiza? E, o máis importante, ¿asúmea tamén a organización a nivel do Estado español? En todo caso, alén do que diga o programa definitivo, na intervención inaugural do seu congreso, Pablo Iglesias fixo unha apoloxía do patriotismo español, recuperando para a linguaxe da esquerda estatal unha postura que dende a Guerra Civil é propia do discurso da dereita. É compatíbel esta actitude co apoio ao referendo catalán? Son incógnitas que o tempo irá aclarando, ao igual que cales serán os custes da renuncia a se cualificar de esquerdas, negando a centralidade da loita de clases e substituíndo a clase obreira como suxeito histórico por un difuso protagonista: “os de abaixo”. 

<"Tampouco se pode deixar á marxe a clarificación política, o debate respetuoso con estas forzas e as súas propostas, as contradicións no seo do pobo que diría Mao, porque dan argumentos aos militantes e axudan a politizar a sociedade galega"

Sen dúbida os resultados electorais de Anova e Podemos foron e son un revulsivo no panorama político que era inevitábel. A característica de ambas as formacións está en ter na súa cabeza bos comunicadores, presentar o cambio como posíbel e exclusivamente por medios electorais, ter espazo nalgúns dos medios de comunicación hexemónicos, e relegar a loita social a un segundo plano, aínda que apoien as protestas. Son proxectos que fan aportes á loita política, mais que tamén traen nas alforxas concepcións erradas que as clases populares, e moi especialmente a clase obreira, poden pagar moi caro, de non asumiren unha actitude crítica diante destas propostas políticas. 

Unha forza como o BNG, que ten nas súas costas décadas de loita contra o sistema, unha militancia numerosa e moi curtida na conflitividade social, non debería seguir camiños que non están feitos para ela, nen para ningunha forza que procure a liberación nacional e social. E, aínda que se debe agardar que o espellismo electoralista (reformista) demostre máis unha vez o pouco que dá de si, tanto para aclarar a coherencia das forzas que propoñen esta vía, como polos límites do sistema,  ao mesmo tempo, o BNG debe utilizar coa máxima eficacia, facendo as correccións necesarias, aquilo no que fica a súa maior fortaleza: a mobilizacións popular, a coherencia nacionalista, a xestión institucional, a implantación sindical e social e a bagaxe histórica. Tampouco se pode deixar á marxe a clarificación política, o debate respetuoso con estas forzas e as súas propostas, as contradicións no seo do pobo que diría Mao, porque dan argumentos aos militantes e axudan a politizar a sociedade galega. En resume, folla de ruta e organización, mobilización social propia que se manteña no tempo para conseguir que deixe pegada e ensinanzas no pobo, participación activa da militancia contando cos simpatizantes, apoio ás loitas reivindicativas da sociedade, e análise e debate constante para peneirar as ideas correctas das incorrectas. É primordial dar pulo ás virtudes propias e non supeditar o avance aos defectos alleos. 

http://manuelmera.blogaliza.org/

Comentarios