Opinión

Reforma laboral: cumprir o prometido ou cesión?

A esta altura, tendo en consideración a falta de consistencia do relato de Pedro Sánchez en relación con dous temas de importancia estratéxica. O primeiro, facer cambios que dean máis consistencia ás autonomías, iso que Sánchez chama co-governanza (mesmo hai dirixentes do PSOE que seica apostan por unha solución federal). O segundo, derrogar a reforma laboral para garantir un marco de negociación menos nocivo para a clase traballadora. En ambos temas resulta difícil saber cal será a postura definitiva.

Respecto á primeira cuestión, sen dúbida a división actual entre as dúas principais forzas independentistas de Cataluña, favorece a estratexia do PSOE de prometer cambios e deixar pasar o tempo. A táctica dominante semella facer algunhas concesións económicas a Cataluña (e Euskadi), tanto respecto dos orzamentos, como dos fondos Next Generation que chegaran de Bruxelas. Ou muda moito a disputa no seo do soberanismo catalán ou todo seguirá igual, á espera dunhas eleccións autonómicas e estatais que definan con máis claridade a correlación de forzas (co perigo de que estas últimas as gañe o PP e governe aliado con VOX)

Un tema máis complexo por resolver, sen queimarse o PSOE, é o relativo ás condicións laborais, máxime cando ten unha importante fracción do seu voto na clase traballadora, malia unha historia recente ateigada de concesións á patronal (contratos eventuais e privatizacións con González, reforma das pensións, reforma laboral de 2010 con Zapatero, etc). Tanto no programa electoral como no Congreso celebrado hai uns días Sánchez comprometeuse de novo en derrogar a reforma laboral, tamén o fixo nos acordos con Unidas Podemos. Mais, resulta evidente que no relativo ao  que implica a derrogación ambos partidos fan unha interpretación diverxente, non tanto respecto da aprobación dunha nova lei, como do que se elimina e engade de novo ao aprobado polo PP en 2012.

Non resulta estraño que a última consigna do Presidente sexa a de “modernizar as relacións laborais” e facer fincapé nun acordo na Comisión Social

Con estes antecedentes non resulta estraño que a última consigna do Presidente sexa a de “modernizar as relacións laborais” e facer fincapé nun acordo na Comisión Social, o que na práctica coloca á patronal como arbitro (será este o límite? Só se trata de gañar tempo e manter as formas diante de Bruxelas?...). Hai que ter en conta que, aínda que nos medios de comunicación a UE só manifeste que hai que reducir o paro e eventualidade, o que sen dúbida é unha declaración para a galería, sempre se acompaña esta proposta da necesidade de flexibilizar as condicións laborais. O que na práctica implica facilitar a modificación arbitraria da xornada laboral, os despedimentos por “causas obxectivas” e a saída do convenio para diminuír custes,... Ao mesmo tempo suma á mesa de dialogo máis ministerios do PSOE.

Todo reflicte que en todos estes temas a patronal ten a última palabra, e que a movida do PSOE non só foi unha cuestión de nomes, de quen lidera polo Governo a mesa de negociación, senón que o que diga a patronal e a UE pesa moito, usando os fondos europeos como carta de presión. Polo tanto o único mecanismo que lle queda á clase traballadora para conseguir a derrogación da reforma e engadir normas para regular novas actividades é a mobilización. Daquela que sexa incomprensíbel que CCOO e UGT que saben exactamente cales son as posturas da patronal e do Governo, e a importancia que ten que este último se sinta premido ou arroupado, segundo sexa a súa actitude na Comisión, non convoquen accións de protesta, e que se contenten cunha actitude tan pasiva, contentándose con realizar declaracións nos medios, non poucas veces contemporizadoras.

Até hoxe, na práctica, só o sindicalismo nacionalista  (CIG, ELA, LAB...) e pequenas centrais do ámbito estatal tomaron a iniciativa e realizaron mobilizacións acotío co obxectivo de derrogar a reforma laboral, das pensións e a lei mordaza. A patronal negocia coa vantaxe de ter o poder económico e a pasividade no sindicalismo sistémico de ámbito estatal perante o proceso. Deste xeito fortalecese, malia o medra das contradicións, a tendencia dominante a prol da centralización e concentración da economía e do poder político, e ademais reforzase na conciencia colectiva o carácter subalterno da clase traballadora e das nacións subordinadas (ambas cuestións son interdependentes). Un reto tan importante necesita de iniciativa, combatividade e unidade, e resposta a todos os niveis. Por último, os dous partidos da coalición din que o choque pola reforma saldouse positivamente. Porén onde hai fume hai lume, máxime en forzas cunha historia tan distinta. A menos que unha parte ceda en aspectos esenciais.

https://obloguedemera.wordpress.com/