Opinión

O opio do pobo

Como as nosas devanceiras, nós tamén pertencemos a xeracións que foron mal educadas. Nin ser fillas da clase obreira nos librou de ser enviadas a institucións educativas relixiosas, moitas veces segregadoras, que nos castraron emocionalmente e nos privaron dunha educación en convivencia. Recibimos unha educación mal entendida que centraba os seus esforzos en perpetuar unha sociedade desigual e inxusta en que as mulleres tiñamos por único destino servir na casa do esposo.

Mais o certo é que o conxunto da sociedade imitaba ese claustrofóbico colexio de monxas en que as mulleres e os homes eran segregados e se lles inculcaba a importancia da virxindade e a existencia única e exclusiva da heterosexualidade no marco dunha identidade de xénero binaria: home ou muller. O resto pecado e inferno.

Agora, adultas afeitas a darlle a volta ás cousas na procura da nosa verdade, a que nós descubrimos coa nosa propia análise, reclamamos formación e información para non perpetuar esa educación que nós recibimos. Algunhas de nós avanzamos como podemos a través da desinformación herdada e imos absolutamente atentas á realidade que nos rodea para non nos converter en exemplos subliminais dunha ideoloxía que refugamos conscientemente. Isto último preocúpame especialmente, por iso comezo por recoñecer a miña desinformación para logo reclamar ser formada, especialmente por ser eu traballadora do ensino.

Sinto que nos xogamos moito, a felicidade das xeracións futuras, a súa capacidade para se recoñecer e crecer dentro da identidade que as fai completas como persoas. Un alicerce imprescindíbel para unha sociedade máis xusta.

E nesta procura, cómpre que identifiquemos cal é o lastre que nos pexa. Por iso comecei falando da mala educación, da excesiva influencia que a relixión, católica ou non, ten aínda na sociedade. Porque o opio do pobo segue apuntalando o patriarcado e negando a realidade diversa que si souberon recoñecer tantos pobos en que o monoteísmo aínda non fixera estragos.

Comentarios