Opinión

Inflación e guerra

Parece darse certo debate sobre a orixe da suba de prezos xeralizada que nos está a afectar, fenómeno do cal os máis novos non teñen referencias e do que os máis vellos xa case non tiñamos memoria, pois vivimos varios decenios cos prezos máis ou menos estábeis. Uns, como o presidente español Pedro Sánchez, din que a culpa foi da guerra de Putin e outros dicimos que ten orixes previas, localizadas nas políticas monetarias expansivas implementadas para atender as consecuencias da pandemia da Covid.

Obviamente a invasión da Ucraína tivo efectos sobre o prezo dalgunhas materias primas, da enerxía e dos carburantes, pero non puido ser a causa da suba xeralizada destes prezos, que viña xa de moito antes de que se comezase sequera a falar da posibilidade dunha invasión.. Só temos que lembrar, por desgraza, as consecuencias que estas tiveron e seguen a ter sobre as nosas industrias electrointensivas, que levaban xa algún tempo en crise. Tamén o feito de que a inflación está a atacar con forza os Estados Unidos, que tomaron medidas de política monetaria moi semellantes as nosas nesta crise. E eles vense moito menos afectados ca nós pola cuestión do gas ou o petróleo ruso pois son case autosuficientes. Quen si vai padecer unha inflación de guerra vai ser a república Rusa, que xa viu desplomarse o rublo, con todas as consecuencias que isto tanto no comercio externo ou interno. E dado que non ten reservas para emitir débeda pública vai ter que recorrer a impresión masiva de moeda para poder soster os gastos estatais.

Nos imaxinarios culturais do noso tempo adoita asociarse a guerra con inflacións desbocadas, como aconteceu nas guerras do século XX, especialmente na primeira, devido a que os gobernos carentes de ouro ou reservas recorren á emisión de moeda  sen ou a monetización da débeda, que vén a ser máis ou menos o mesmo. Pero nós non estamos aínda nunha situación de guerra a que se poida culpabilizar da suba xeralizada de prezos. O que si estamos a padecer son as consecuencias das masivas inxeccións monetarias do Banco Central Europeo artelladas en forma de compra de bonos soberanos e de outro tipo de activos durante estes anos. Se a cantidade de diñeiro en circulación incrementa e a cantidade de bens permanece estábel, ou incluso retrocede polo parón na produción, a consecuencia é obvia suba de prezos. É máis diñeiro a puxar por menos bens e por moito que se disfrace con nomes altisonantes a consecuencia vai ser sempre a mesma. Os propios responsábeis da política monetaria sábeno ben e é por isto que anuncian a retirada dos estímulos e a conseguinte suba dos xuros a curto prazo. Se a inflación non tivese causa na expansión monetaria para que ían implantar esas medidas, altamente impopulares?

 O certo é que a guerra aparte da dor que está a causar está sendo usada como escusa para ocultar o feito de que non hai excesivo interese por parte do noso goberno en atallar a inflación. Como xa temos comentado algunha vez a inflación opera como un imposto, e polo menos a curto prazo, canto mais haxa máis sube a recadación fiscal. E faino desproporcionadamente.

Cando sobe o prezo da electricidade (certo que para beneficio das eléctricas pero froito dunha subvención encuberta as enerxías verdes) a recadación sobe ao aplicar o IVE e outros impostos a un prezo maior. E por isto que gosta tanto da fixación diaria dos prezos e non de vencellalos a mercados de futuros como fan noutros países.  O mesmo acontece co IRPF que non ve modificada a súa tabela co IPC  e moitos outros impostos que tamén ven mellorados os seus números. As guerras e esta por desgraza en particular serven moi ben para eludir responsabilidades e varrer lixo debaixo da alfombra. Preguemos que remate pronto.

Comentarios