Opinión

Honrar a memoria

De cote non sabemos a pegada que deixamos noutras persoas. Adoitamos pasar polo mundo sen facer moito caso de aquelas coas que nos topamos, coas que cruzamos saúdos, agradecementos, sorrisos, loitas.

Non hai moito acudín a unha presentación dun libro na Coruña, cando dixen que era do Son, un dos xestores culturais que estaba ao meu carón miroume en fite e dixo, de alí era Ánxela Franco, unha das grandes. E en canto se escoitou o seu nome unha muller pertencente a unha asociación que alí se atopaba dixo, “e tanto que das grandes, se non fose por ela e polo gran traballo que desenvolveu na Deputación da Coruña nós seguiamos vivindo da caridade, e a caridade non é xustiza é simplemente un repartir as migallas dos banquetes doutros”. Xa bastantes atrancos teñen de cotío as asociacións que se dedican a “paliar” en parte os servizos sociais, tan necesarios e tan deixados normalmente das mans das administracións públicas, como para seguir estando de costas a elas. E en nada atopeime rodeada de cinco persoas que a coñeceran e a trataran de ti a ti, que pasado o tempo seguían a tela no maxín e no corazón. “Non houbo deputada que ghastara máis zapatilla ca ela por toda a provincia”, “logo dunha reunión con ela a deputación comprometeuse a transmitir os plenos en linguaxe de signos”. E no seu enterro alguén dixo “aos que non somos coma os demais fíxonos sentir persoas”, non topei nunca frase tan potente, nin ten significativa.

Decorreron os días, as semanas fixéronse anos, pero segue latente e nós e en tantas outras persoas, nacionalistas ou non.

Andar a nosa provincia é pasar por onde xa ela estivo primeiro, poñendo nos mapas, non sei se primeiro Porto do Son ou Caamaño, pero si facendo da súa pel a pel de todos. Facendo dos atrancos de uns as solucións de todos, mellorando a calidade de vida das persoas, prestándolle ouvidos a cada reclamo que chegaba a ela, fose a hora que fose e onde fose, defensora de que os cartos públicos hai que empregalos en quen máis os precisa. Procurando deixar un mundo mellor, implicándose, porque se non loitamos polo que queremos nunca conseguiremos nada.

Fixo do BNG casa e bandeira, loita, amizades, berro,  pancarta, defensa, barricada. E ela, lonxe de ser tatuaxe, sempre será cicatriz, porque as tatuaxes hai que repasalas para que non se esvaezan e as cicatrices son sempre tan fondas que non hai quen as borre.

Van aló cinco anos dunha perda tan irreparable que aínda os ollos se nos arrasan de bágoas ao nomeala, pero tamén houbo quen quixo facerse herdeiro dun legado que non lle correspondía, houbo tamén quen quixo vivir das rendas que ela sementara, quen quixo medrar á súa sombra, aproveitar o alento, quen preferiría que hoxe esta que escribe non o estivese facendo, pero como diría o poeta mexicano Alfonso Reyes: “O deber máis santo dos que sobreviven é honrar a memoria dos desaparecidos”.

Ela hoxe sairía connosco a denunciar o xenocidio do pobo palestino, a defender o feminismo, a clase traballadora, a xustiza e os dereitos de todxs nós, así como á organización política na que militaba, da que sempre será referente para tantas de nós.

Comentarios