Opinión

Un día para a música tradicional

Galicia ten como un dos seus distintivos máis fortes a supervivencia da cultura tradicional nos sinais de identidade do seu pobo, de xeito particular a música e a danza tradicionais seguen tendo representación en todos e cada un dos concellos do país e na maioría das parroquias e lugares.

Ben é certo que este mundo da globalización no que estamos abriu moito o abano de actividades e quizais as actividades da tradición ocupan agora unha porcentaxe menor no total. Pero o que debemos coidar e vixiar é a presenza da tradición musical nas novas xeracións, e isto pode ser o preocupante, sobre todo nos lugares urbanos onde hai moita xente desarraigada ou que non naceu no país e que polo tanto, en principio, non suman salvo que podamos integralos debidamente, tema do meu anterior artigo en Nós Diario.

Tendo o privilexio de que moitas asociacións, locais ou de ámbito galego como a Asociación de Gaiteiros Galegos teñen xa estas actividades como o norte da súa razón de ser e en moitos casos levan décadas facendo de contrapeso e dinamizando a cultura tradicional neste apartado, os tempos que corren precisan novas análises e estratexias para a sociedade do século XXI.

O primeiro é ser conscientes de que esta parte da cultura propia, como as outras, é tamén a nosa garantía de futuro e temos o deber moral de transmitila ás novas xeracións como nolo transmitiron a nós. Para iso, quen poida en cada momento, nomeadamente os responsables da cultura en cada lugar, deben manter o equilibrio necesario e non deixarse levar polas modas e o éxito cuantitativo das actividades culturais que programen, ou pola presión daqueles para os que a cultura só é un negocio.

Non poden ocupar un mesmo plano de interese a música comercial e a música patrimonial, que representa as nosas propias raíces culturais, na que os nosos amigos e familiares participan todo o ano, na que os nosos maiores se identifican máis por ser a súa tradición.

Por desgraza, dá a impresión de que hai "responsables da cultura" que non aprobarían un test como os que se fan nas clases da ESO para diferenciar música popular, comercial, folclórica, étnica, clásica, fusión, urbana... Este presunto descoñecemento leva a que algúns pensen que unha gaita enriba do escenario xa significa que hai música tradicional ou que se cantan en galego xa é música folclórica, tradicional ou popular e por aí poden chegar a programar todo un verán de festas sen ser conscientes de que están deixando de facer o primeiro que deben facer: apoiar a música tradicional empezando pola máis próxima e facendo de cada festa unha mostra orgullosa do que os propios veciños manteñen cada día coa súa paixón pola música e a danza propias.

Sen darlle máis voltas e pasando a propostas concretas non estaría mal que todos os organizadores de festas do país: concelleiros, comisións, asociacións... tivesen claro o seu papel e responsabilidade neste eido e, sen renunciar a facer festa para todos os gustos e públicos, reservaran sen miramentos unha porcentaxe significativa á música e danza tradicionais galegas tanto no orzamento total como no tempo dedicado (e que nos carteis os grupos da tradición teñan a mesma visibilidade que o resto). É máis, proporía que as festas que se subvencionen algo con cartos públicos destinen obrigatoriamente á música e danza tradicionais unha parte razoable do orzamento e do tempo. Non pode ser que se diga abertamente que se gastan 30.000 euros en orquestras de baile e a parte da tradición nesa festa a achegue o concello respectivo dándolle unha esmola de 200 euros á asociación correspondente, como sei que acontece nalgúns lugares. Non pode ser.

Así que a proposta de hoxe é clara: "un día para a música tradicional" en todas as festas do país, un día de orgullo e de presumir dunha parte tan valiosa e imprescindible da nosa cultura, na que propiciemos a continuidade da tradición nas novas xeracións, na que apoiemos de verdade as nosas raíces sen deixar de estar abertos ao mundo, un mundo que tamén precisa da nosa proposta singular e pacífica. Non parece imposible.

Comentarios