Detido un home en Vigo por agarrar do pescozo e golpear contra un enreixado a súa parella

Un home, J.L.C., de 36 anos de idade, foi detido na madrugada desta cuarta feira en Vigo após agarrar do pescozo a súa parella e golpeala contra un enreixado metálico dun local comercial. Segundo informou a Policía Local, os feitos ocorreron contra as 2 horas na avenida de Balaídos e os axentes tiveron constancia a través dunha chamada telefónica. Unha vez no lugar, os funcionarios interceptaron o suposto agresor, que negou os feitos. Simultaneamente, outro axente falou coa vítima, que estaba acompañada por un grupo de testemuñas que trataban de tranquilizala. Malia que nun primeiro momento a muller tentou ocultar a agresión, despois confirmouna, indicando aos policías que ten moito medo ao seu mozo. Varias testemuñas precisaron que o home insultou e agarrou violentamente a parella durante a actuación de dúas orquestras nas inmediacións do estadio. Por iso, o home foi detido como presunto autor dun delito de violencia machista.
Coche da Policía Local de Vigo.
photo_camera Coche da Policía Local de Vigo.
Comentarios