A Coruña demostra que cine non só é Hollywood

A Mostra de Cinema Periférico pecha a súa cuarta edición cun récord histórico de asistencia. Un cine concerto homenaxe a Méliès, xornadas sobre o novo cine galego e un ciclo adicado ás producións experimentais da Arxentina, os pratos fortes do evento.

Viaxe á Lúa de Melies
photo_camera Viaxe á Lúa de Melies

A cuarta edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña pechou as súas portas batendo un récord histórico de asistencia. Instalada en diferentes espazos do centro da cidade herculina, dende o 5 ao 8 de xuño, a Mostra atraeu arredor de 8.000 persoas. 

Proxeccións, conferencias, coloquios, talleres ou performances conformaron o variado programa dun evento que conseguiu seducir á crítica internacional e colarse nas publicacións especializadas en cine, e tamén nas xeneralistas, máis relevantes do mundo. 

Unha das apostas máis aplaudidas foi a de traer dende Francia aos descendentes de Georges Méliès para montar un cine-concerto adicado ao seu antepasado, o mago e prestidixitador responsábel de facer do cinematógrafo inventado polos irmáns Lumière unha arte.

“Nós, que somos uns toliños polo cine, quixemos reivindicar a importancia dos pioneiros para entendermos as películas de hoxe. Non podemos esquecer que, cando o cinema comezou, ver imaxes en movemento nunha pantalla era algo insólito, case un milagre; de aí, a decisión de rescatarmos a maxia dos seus principios”, explica Ángel Rueda, director da Mostra. 

E é que Méliès, como bo mago, foi mestre na arte da montaxe, dos efectos especiais e das trucaxes e, co seu visionario traballo, cambiou o devir da historia do cine. Na actualidade, considérase o pai da ficción cinematográfica e coñecer os máis de 500 filmes que produciu, dirixiu e distribuíu é unha obriga para calquera amante do celuloide. 

Así explicou o filósofo Edgar Morin a súa pegada na sétima arte: “Méliès foi un mago que meteu o cinematógrafo na súa chistera e dela saíu o cine”. 

Viaxe á Arxentina e ao descoñecido

Dende a súa primeira edición, a Mostra de Cinema Periférico trouxo á Galiza un país convidado para que a súa filmografía centrara unha das seccións. Este ano foi a quenda para a Arxentina e o seu cine experimental, unha iniciativa que serve tanto “para coñecermos o que se fai alén das nosas fronteiras” como para “promover o contacto dos nosos cineastas cos estranxeiros”, defende Ángel Rueda, en conversa con Sermos Galiza.

E, con este espírito explorador, a Mostra dedicou outro dos ciclos temáticos ao cinema de viaxes. Os seus protagonistas foron os realizadores Ben Russel e Ben Rivers, referentes contemporáneos do xénero que, coa súa característica mirada utópica e a eterna vocación antropolóxica, trasladaron @s espectadores até o descoñecido.

Exótica é tamén na Galiza a arte da performance que o S8 ofreceu ao aire libre na noite coruñesa. No entanto, foi un galego un dos principais responsábeis de defender a súa valía. Miguel Mariño presentou Fomos ficando sós, un proxecto pioneiro que combina o formato cinematográfico e o performativo sobre versos de Manuel Antonio.

Por un cinema de nós

Conta Ángel Rueda, director da Mostra, que na cita de Coruña quixeron tomar o relevo da iniciativa inaugurada hai dous meses no Play-Doc de Tui, onde se celebraron unhas xornadas de debate arredor do cinema galego. 

“É fundamental que os festivais se convertan en plataformas para darmos a coñecer aos nosos cineastas porque o novo cine galego está a acadar grande transcendencia fóra da Galiza, namentres aquí é case invisible”, denuncia Rueda. En decembro, será Compostela quen tome o facho deste compromiso para “dar visibilidade aos proxectos autóctonos” na produción do continente de mans da xa irrenunciábel cita cinematográfica, Cineuropa.

Con este mesmo espírito, o S8, icona na Galiza das creacións da periferia mundial, rendeu homenaxe ao galego Lois Patiño. “Este artista conta cun grande recoñecemento en países como Alemaña, mais na súa terra é practicamente un descoñecido”, relata o director da Mostra. Convencido de que, neste contexto de crise, “para salvarmos o sector, hai que necesariamente nos reinventarmos”, Rueda chama a coñecer o traballo dos autores e autoras do novo cinema galego.

“A única maneira de que o sector sobreviva é facermos un traballo colectivo dende a sociedade galega e que fale de nós mesmos. Como volvamos ao minifundismo, a nosa cultura desaparecerá e, con ela, tamén nós mesmos ”, recorda o home que conseguiu facer da Coruña o punto de encontro de todas as cinematografías que nos lembran que cine non só é Hollywood. 

Máis en CULTURA
Comentarios