Apelidarse Galiza, apelidarse España

Coñecedes algunha persoa que se apelide Galiza? Pois haber, hainas. Só que non na Galiza pois non sería marca diferenciadora, como non o é ter sotaque galego.

.
photo_camera .

Todo apelido ten un significado. Ás veces sinxelo; outras non tanto por nos faltar as chaves interpretativas. Entre os apelidos máis frecuentes están os de orixe toponímica. Podemos afirmar con case total seguridade que unha persoa que leve un apelido de orixe toponímica ten, tivo a súa familia, algunha relación con ese lugar. Pode ser que unha persoa nacese, ou vivise de maneira temporal, nun determinado lugar e ao se mudar para outro converte esa característica en marca que deriva en apelido, ben sexa por lembranza ou por se diferenciar de outras persoas. Neste caso o apelido-topónimo vai habitualmente precedido da preposición de: Rodrigo de Montaos, Pedro de Caldas, etc

"Na Galiza ninguén se apelida Galiza,  mentres que no Estado un total de cuarenta e sete persoas portan esta marca de orixe". 

Se o topónimo, e tamén un xentilicio,  é marca de orixe, parece normal que na Galiza ninguén se apelide Galiza, pois non sería marca diferenciadora, igual que non o é “ter sotaque galego”.

Segundo os dados do INE e da cartografía de apelidos de Galiza,  efectivamente, na Galiza ninguén se apelida Galiza,  mentres que no Estado un total de cuarenta e sete persoas portan esta marca de orixe, vinte e catro como primeiro apelido e vinte e tres como segundo. Ninguén cos dous.

Pola mesma razón non é de estrañar que o apelido España teña abundante presenza na Galiza e encontremos desde o século XV esta referencia: Afonso Yanes d ' España, veciño de Santiago en 1416 ou Johan d' España en 1420. Veciños de Compostela si, pero a orixe fica ben clara. Na Galiza o apelido España lévano hoxe algo máis de 600 persoas, delas a terceira parte en Boiro e Carballo.

Tampouco a forma Galicia, como apelido, ten presenza entre nós. Das case dúas mil persoas co apelido Galicia no Estado só seis viven en Ourense, posibelmente procedentes de outro lugar. Máis de 200 residen en Madrid.

"Na Galiza o apelido España lévano hoxe algo máis de 600 persoas, delas a terceira parte en Boiro e Carballo".

Lugo é apelido con pouca frecuencia entre nós, mais con case seis mil portadores no estado, como primeiro ou como segundo apelido, deles case dous mil nas illas Canarias.

Xa dentro dos limites da actual Galiza administrativa, 5 concellos do norte da Coruña acumulan as cento e cuarenta e unha ocorrencias do apelido Tui mentres que todos os apelidados Muros, once en total, viven no concello de Muros. Os Ferrol, cento e noventa e cinco, concéntranse case todos en Santa Comba e ningún en Ferrol e os  mil cincocentos Negreira están agrupados na zona de Santa Comba, Negreira e A Baña . Hai sesenta e dous Allariz, todos en Marín e Pontevedra.

Sen dúbida, non é a miña pretensión, seguir a pista aos apelidos de orixe toponímica aporta datos para coñecer as relacións -militares, comerciais, etc. e os movementos de poboación que ao longo dos séculos desenvolveron os galegos e as galegas que nos precederon. E tamén para demostrar que a marca da patria non é insignificante.

Máis en CULTURA
Comentarios