CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Bon Jovi, o principio do fin

Ninguén pode negar que Bon Jovi foi unha das bandas mais influíntes durante máis dunha década. A súa primeira etapa marcou un fito na historia do rock que forxaron o seu nome e, en boa parte, a súa lenda.  30 anos despois do lanzamento do mítico Slippery When Wet, volve para intentar repoñerse do fracaso discográfico que supuxo Burning Bridges.

Cando se fixo público que Bon Jovi volvían aos Avatar Studios, onde en 1982 gravaron o Runaway,  parecía indicar que a banda tiña a intención de volver as súas raíces e abandonar este último periplo polo deserto que o levou a este punto no que están dende o 2002, as 277.600 copias vendidas de Burning Bridges, dan boa conta diso, para unha banda que chegou a vender 28 millóns de copias do Slippery When Wet.

A primeira escoita do disco deixa unha pregunta no aire: Que é isto? Dende logo Bon Jovi xa non soa a Bon Jovi, non queda nada de Glam Rock,  nada de Hard Rock só atopamos Pop Rock que trata de ser excesivamente comercial para entrar nas radiofórmulas. Nótase moitísimo a falta de Richie Sambora tanto na execución como na composición. Desfacer o binomio Sambora-Bon Jovi, significa o fin desta banda tal como a coñecemos. O paulatino afastamento de Sambora do terreo compositivo que comezou no 2013 con What About Now, foi paralelo á caída da banda.  John Shanks trata de tomar o seu relevo na faceta compositiva, pero malia seu esforzo, os resultados non son bos.

O disco, que case parece un grandes éxitos de Shanks, destaca pola  súa falta de imaxinación e innovación, até o punto que moitos dos títulos das cancións son copias dos títulos de éxitos doutras bandas, dende o propio This House Is Not For Sale  que xa titulara Ryan Adams, un tema do seu álbum  Love is Hell de 2002, até o God Bless This Mess da canción que  Sheryl Crow editara no 2008 no seu álbum Detours, pasando por Roller Coster (Luke Bryan, 2013) ou Reunion (Indigo Girls, 1994). 

De todas as cancións do plástico, a única que soa a Bon Jovi é o tema que dá título ao disco This House Is Not For Sale, sen que iso signifique que sexa un bo tema. O resto que atopamos non é máis que unha sucesión de pop-rock comercial e baladas infumábeis. Non se me ocorre outro motivo para mercar o disco que non sexa outro de ser un fan incondicional de Bon Jovi. Agora entendemos  mellor cales eran as desavinzas estilísticas polas que a banda rachou con Mercury, a súa discográfica de toda vida e probablemente o verdadeiro motivo da marcha de Sambora. Hoxe podemos dicir sen medo que Bon Jovi morreu.

LISTAXE DE TEMAS

This House Is Not For Sale

Living With The Ghost

Knockout

Labor Of Love

Born Again Tomorrow

Roller Coaster

New Year’s Day

The Devil’s In The Temple

Scars On This Guitar

God Bless This Mess

Reunion

Come On Up To Our House

Real Love

All Hail The King

We Don’t Run

BON JOVI NAS REDES

WEB: www.bonjovi.com

FACEBOOK: www.facebook.com/BonJovi

TWITTER: @bonjovi

Máis en CULTURA
Comentarios