CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Camiño aos Oscars

campions1
photo_camera Un fotograma do filme

CAMPEONES

(España 2017, 124 min.)

Dirección: Javier Fesser

Guión: David Marqués e Javier Fesser

Fotografía: Chechu Graf

Música: Rafael Arnau

Elenco: Javier Gutiérrez, Athenea Mata, Juan Margallo, Jesús Vidal, Daniel Freire, Luisa Gavasa, Luis Bermejo, Gloria Ramos, José de Luna, Sergio Olmo, Jesús Vidal, Alberto Nieto Fernández, Julio Fernández, Fran Fuentes, Jesús Lago, Roberto Chinchilla, Stefan López

 

SINOPSE

Marco, un adestrador profesional de baloncesto da liga ACB, debe facerse cargo dun equipo de persoas con discapacidade intelectual como pena de traballo en beneficio da comunidade após causar un accidente de tráfico.

 

CRÍTICA

 

A Academia das Artes e das Ciencias de España vén de seleccionar Campeones, de Javier Fesser, como candidata á Mellor Filme Estranxeiro da 91ª edición dos Óscar. Competía coa euskera Handia, de Jon Garaño e Aitor Arregi, e con Todos lo saben, do iraniano Asghar Farhadi, claramente favoritas entre a crítica mais, “para variar”, acabou primando a que máis cartos fixo na billeteira. O curioso do asunto é que coincide nun ano no que a Academia de Hollywood vai crear unha nova categoría —moi cuestionada, por certo— xusto neste sentido: “O filme máis popular” chámase, é dicir, que será unha categoría na que participarán os blockbusters con máis recadación do ano.

 

O ferrolán Javier Gutiérrez métese na pel de Marco, o segundo adestrador do Estudiantes, un tipo con moi malas pulgas e bastante subidiño. Após un incidente co primeiro adestrador (Daniel Freire), sofre un accidente de coche dando positivo en alcoholemia. Non só é despedido do seu emprego senón que tamén é sentenciado a dous anos de cadea que só pode sortear realizando tres meses de traballos en beneficio da comunidade. É así como o bo de Marco cambia un equipo profesional da ACB por un de discapacitados intelectuais chamados: “Os Amigos”. Após o estupor inicial, pronto descubrirá que a nomenclatura de “discapacitados intelectuais” non é un mero eufemismo para denominar os “mongólicos” e “subnormais”, senón a maneira correcta de definir a xente con diferentes capacidades.

 

Unha comedia coa pegada xenuína de Javier Fesser pero nunha liña humorística máis suave e menos surrealista do que a de El milagro de P. Tinto ou La gran aventura de Mortadelo e Filemón, que son puro esmendrelle visual e conceptual. Campeones cede gran parte do peso narrativo aos sentimentos e a humanidade das personaxes, iso si, mantendo o sentido do humor “marca da casa”. Sen présa, pero sen pausa, consegue que nos encariñemos con este entrañable equipo de nove discapacitados intelectuais, que tamén o son na vida real, aos que se lles une unha compañeira máis: a gran Collantes, interpretada por Gloria Ramos.

 

Con absoluta soltura, e sen caer en tópicos, Fesser normaliza esas persoas que, para ollos de certa xente (cousa que recalca no filme), non se consideran normais. Compromiso, amizade, bo rollo e moitas risas. Unha feel good movie de manual desas que tanto gustan nos EUA... Ata é posíbel que, grazas a selección para os Óscar, consigan que se faga o remake norteamericano xa que o tema de pasar a criba de estar na alfombra vermella vai ser bastante complicado.

 

Dos máis de 60 países que optan á categoría de Mellor Filme Estranxeiro só son seleccionados nove filmes, dos cales son cinco os que acaban por optar verdadeiramente ao Óscar... e, aínda que é un gran filme, dubido moito que Campeones logre facer sombra ás achegas de Pawlikowski (Cold War), Cuarón (Roma), Koreeda (Un asunto de familia), Nemes (Amanecer) ou Dhont (Girl), que parten como claras favoritas nesta carreira de fondo repleta de marketing e promoción.

 

Malia todo, Campeones acaba de recuperar pantallas de exhibición e se augura, cando menos, certa repercusión a nivel internacional para seguir rañando algo máis de caixa, cousa que non está nada mal...

Máis en CULTURA
Comentarios