O cuestionario Proust da literatura galega

É a parte íntima da literatura. O perfil persoal que cada quen retrata de si propio a través de trinta preguntas directas. Despois de achegarnos aos seus manuscritos, o crítico Ramón Nicolás ofrece no seu blog Caderno da Crítica a face interior de escritores e escritoras que responden ao seu particular “cuestionario Proust”. 

Ramón Nicolás
photo_camera Ramón Nicolás

Principal trazo do seu carácter? Que agarda das súas amizades? A súa principal eiva? O seu ideal de felicidade? En que país lle gustaría vivir? A súa cor favorita?. Son algunhas das trinta preguntas coa que escritores e escritoras mostran o seu lado máis persoal, a súa maneira de ser, os medos e desexos e tamén as preferencias que, dunha maneira ou outra, definen as súas personalidades. O crítico Ramón Nicolás bota man neste novo proxecto do seu blog Caderno da Crítica dun método que define como “un pouco inquisitorial e bastante vintage pero, talvez, operativo para ir coñecendo un pouco máis a personalidade das persoas que teñen a ben colaborar e construír tamén esta bitácora compartindo as súas respostas”. 

A cada pouco, Ramón Nicolás publica un dos cuestionarios dos que xa deu a coñecer doce de nomes relevantes do mundo literario galego. A escritora Mª Xosé Queizán iniciou a serie, confesando que o que máis aprecia é a integridade das persoas e que a súa maior eiva é a obstinación. A insubmisión é o trazo que destaca do seu carácter e o seu ideal de felicidade pasa pola igualdade entre as persoas. En prosa, devece por Margarite Yourcenar e en poesía por Eugénio de Andrade. Frankenstein e Antígona son os seus heroes e, na vida real, Rosa Luxemburgo. Odia o patriarcado e o seu lema é a autonomía. 

O ideal da utopía 

O máis recente dos publicados é o cuestionario do poeta Claudio Rodríguez Fer, que ten na utopía libertaria o seu ideal de felicidade. A súa heroína é a Antígona de Sófocles e “Poemas” de Emily Dickinson, “Historias de cronopios e de famas” de Cortázar en narrativa. “Un cuarto de seu” de Virginia Woolf, o seu ensaio preferido. 

Agustín Fernández Paz agarda “afecto e comprensión” das súas amizades e recoñece na indecisión a súa maior eiva. Kafka, Cunqueiro e Valente son as súas devocións literarias e, como era de agardar, Rosa Parks a súa heroína. O estado de ánimo habitual de Fernández Paz é “de agradecemento á vida, ese galano marabilloso”. 

O editor Manuel Bragado aprecia a vontade e a tenrura das persoas e agarda sinceridade e lealdade nas súas amizades. A dispersión é a súa maior eiva e o ideal de felicidade viaxar polo mundo coa súa muller e a súa filla. A Música Popular Brasileira, con Paulino da Viola e Antònio Carlos Jobim á cabeza, son os seus sons preferidos e “O livro das horas” de Nélida Piñón un título que lle entusiasmou dos últimos lidos. 

A Carlos Reigosa gustaríalle ser escritor. A flor que máis aprecia é a do toxo e como poeta, o seu preferido é Bob Dylan. Sócrates é o seu heroe e o lema da súa vida “inténtao sempre”. 

Ser cego sería a maior desgraza que lle podería acontecer a Xavier Alcalá, un autor ao que as flores lle parecen ridículas e ten na aguia o seu paxaro preferido. Heroes? O Capitán Nemo e Walkíria, dunha novela que anda a escribir. Gustaríalle cantar ben e Vinícius de Moraes é o seu músico preferido. Prodúcelle indulxencia a falta de intelixencia. 

"Vagariño, que levo présa"

“Fai o ben que puderes e evita o mal de que fores capaz” é o lema que rexe a vida de María Pilar García Negro, unha muller que admira das persoas que teñan “en contra o Outro”. Confesa devoción por Blanco Amor e Carvalho Calero en prosa e non dubida á hora de escoller “Follas Novas” de Rosalía como o seu libro preferido. Non soporta Pilar García Negro a prepotencia, o clasismo, a humillación cos de abaixo e o machismo, xa sexa patente ou soterrado. 

Fina Casalderrey dálle demasiadas voltas ás cousas. Sobrevivir a un fillo sería a maior desgraza que lle podería acontecer a esta muller á que lle gustaría ser fada sabia e bondadosa, “con poderes para cambiar algunhas cousas”. Ramón Lamote é o seu heroe na vida imaxinaria e seu pai na vida real. Como don gustaríalle ter  “o do paraugas amarelo que aparece en “Merlín e familia”, e dominar todas as linguas do mundo. “Vagariño, que levo présa”, é o seu lema. 

Que a queiran como ela quere é o que agarda das súas amizades a escritora Begoña Caamaño que ten nun mundo sen inxustizas “cheo de mulleres e homes libres e felices” o seu ideal de felicidade. O país no que lle gustaría vivir sería nunha Galiza liberada e a cor das súas preferencias case se podería adiviñar: lila. Cortázar e Clarice Lispector en prosa, Ana Romaní e Miguel Hernández en poesía, Uxía en música e Frida Khalo como heroína son algúns dos nomes de referencia da autora de “Morgana en Esmelle”. 

Das amizades agarda o escritor e presidente da AELG Cesáreo Sánchez Iglesias “o respecto mutuo na diferenza de pensamento”. A súa ocupación preferida é escoitar os sons da natureza en silencio e, de morrer, gustaríalle que fora cunha xanela aberta ao mar ou ás carballeiras da infancia e rodeado dos seus. ,Safo, Uxío Novoneyra, Pessoa e Eliot son os seus poetas Bach e Bob Dylan os músicos cos que se acompaña.

"O entusiasmo, para ben e para mal" 

“O entusiasmo, para ben e para mal”, é o trazo co que identifica o escritor e editor Vítor Freixanes que considera a impaciencia a súa grande eiva. De maior gustaríalle ser escritor e admira calquera novela de Otero Pedrayo e o “Merlín e familia” de Cunqueiro. Non ten nin heroes nin heroínas mais de ter que buscar, escollería a marea solidaria do Prestige. Cultiva o optimismo estratéxico e ten como lema “non te desanimes nunca”. 

Darío Xohán Cabana prefire nin pensar no que sería a súa maior desgraza. O seu heroe é Fidel Castro e odia o fascismo e a Hitler. Gustaríalle cantar ben e lemas, non ten. A obra “Os tres mosqueteiros” é a súa preferida. 

Ramón Nicolás continúa a publicación de cuestionarios, con respostas variadas e non moitos puntos en común, á marxe de que Galiza é o país no que a maior parte dos autores e autoras prefiren vivir, agora si, máis libre e independente, maiormente. E que lles gustaría ser? Pois escritores e escritoras e queda claro tamén  morrer non é, para a maioría, unha actividade de agrado.

Comentarios