Fillas de Cassandra encheron a Quintana nas festas da Ascensión de Santiago

A praza da Quintana acollerá, a partir das 20.30 horas dest sexta feira 10 de maio, a segunda edición do Compos Fest, que contará con recoñecidos artistas e grupos locais: Boyanka Kostova, Dios Ke te Crew, André G. S. e Cool Nenas.
Unha ateigada praza da Quintana recibiu as Fillas de Cassandra (Foto: Arxina).
photo_camera Unha ateigada praza da Quintana recibiu as Fillas de Cassandra (Foto: Arxina).

As galegas Fillas de Cassandra encheron esta quinta feira, 9 de maio, a Quintana no día grande das festas compostelás por excelencia, as da Ascensión.

No día máis esperado das festas, tamén decorreu a comparsa de Cabezudos cun percorrido polas rúas compostelás que comezou ás 12.30 da mañá.

Esta sexta feira. 10 de maio, será a quenda da orquestra Los Player’s a partir das 22 horas na Alameda. Ademais, a praza da Quintana acollerá, a partir das 20.30 horas, a segunda edición do Compos Fest, que contará con recoñecidos artistas e grupos locais: Boyanka Kostova, Dios Ke te Crew, André G. S. e Cool Nenas.

Nese mesmo emprazamento, o sábado 11 terá lugar o concerto de Billie Marten, e na Alameda, o da orquestra Finisterre.

As tradicionais alboradas interpretadas por agrupacións locais ambientarán coa súa música as rúas compostelás. Por outra parte, en diferentes prazas da vila, cidadáns e visitantes poderán desfrutar das actuacións máis tradicionais co ciclo "Escolas de Baile Tradicional" (sábado, 11 de maio), ofrecido polas agrupacións folclóricas da cidade como Cantigas e Agarimos, Ultreia ou Brincadeira, entre outras. Varios locais de Santiago acollerán o sábado as interpretacións de varios grupos de Cantos de Taberna cunha actuación conxunta final. Pola tarde, a Casa do Taberneiro acolle un obradoiro para todas as persoas interesadas neste tipo de cánticos populares.

 

O programa inclúe outras actividades para públicos diversos, como  os espectáculos de monicreques dirixidos á cativada a cargo de Babaluva, Kukas, Larraitz Urruzola Producións Artísticas, Títeres Alakrán e Viravolta Tïteres, todos eles na praza de Mazarelos. A programación deste ano tamén inclúe a visita teatralizada pola ruta de Valle-Inclán A barraca de Compostela, que tivo lugar na quinta feira e que se repetirá o sábado ás 18 horas.

O palco da Alameda e a Nave de Vidán acollen o día 10 e o sábado 11 varias actividades arredor do tango e a milonga que contarán coa presenza do cantante arxentino El Chino Laborde.

Finalmente, outro ano máis volve a Festa para as Persoas Maiores, na que é xa a súa 25ª edición, para que os nosos maiores poidan reunirse e desfrutar xuntos dun xantar con sobremesa amenizada polo Grupo Eureka, a un prezo, adaptado a todos os petos, de 10 euros. Esta xuntanza terá lugar o sábado 11 de maio ás 14 horas no Recinto Feiral de Amio, e as entradas estarán dispoñíbeis a partir do día 2 de maio no despacho de billetes do Teatro Principal en horario de 10 a 13 horas.

 

Comentarios