Contracultura

David Santos (Leira Papaia): "En 'Pregón' abordamos o tempo galego e a nosa forma de facer festa con independencia do clima"

David Santos (Vigo, 1980) é un dos integrantes de Leira Papaia, ao contrabaixo e nas voces, xunto con Pablo Riveiro (guitarra, trompeta e voz principal) e Elena Vázquez (violín e voces). A formación mestura de maneira orixinal as cantigas galegas cos boleros e outros estilos tropicais e está a piques de publicar os seus últimos temas.
Pablo Riveiro, Elena Vázquez e David Santos integran Leira Papaia. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pablo Riveiro, Elena Vázquez e David Santos integran Leira Papaia. (Foto: Nós Diario)

—Por que mesturar a música galega cos boleros?
Xa nos coñecíamos desde hai tempo, tanto persoalmente como por tocar noutros grupos. Nun principio tiñamos a fantasía de facer un grupo de boleros e por iso comezamos versionando algunhas pezas deste estilo. Non obstante, ao pouco tempo comezamos a atopar cousas dos arredores dos boleros ou a compor temas propios que parecían máis ligados á música tradicional galega e acabamos por deixarnos levar. Dalgunha maneira chegamos a un lugar común entre a tradición galega e a música de fóra.

Supoño que esta evolución deuse en parte porque as letras están en galego e falamos de cousas ligadas a esta terra, pero non houbo un momento no que tomaramos esa decisión. Non foi algo pensado, senón que xurdiu no medio dos ensaios e da improvisación.

—Xa contan con algúns temas publicados en plataformas dixitais. Cando sairán os próximos?
Hai un par de meses comezamos a gravar algúns dos temas que xa tiñamos compostos e a idea é publicalos nos próximos meses, antes do verán. Queriamos que coincidira cos concertos que comezamos a dar desde principios de maio, aproveitar un pouco a tempada.

Un dos temas que sairá, xunto co seu propio videoclip, é unha mestura bastante especial entre música barroca e a cumbia. A letra fala da típica nai sobreprotectora. Por outra parte, sacaremos o tema "Pregón", que aborda o tempo galego, entendido como a nosa forma de desfrutar e armar festa con independencia do clima. É unha idea un pouco estraña ou abstracta, pero a cuestión é seguir por esta liña que xa levabamos. O que vaia saíndo, deixamos que ocorra sen pensalo demasiado, e por agora estamos bastante contentos co resultado. É todo bastante natural, así que para que forzalo doutra maneira?

—Esa capacidade de improvisar tamén ten que ver coa vosa experiencia, tanto noutras formacións musicais como na confianza que existe entre vós, non si?
Totalmente. Sobre todo creo que ten que ver con feito de que nos levamos moi ben, deixamos que cada persoa aporte e tampouco temos medo do que poda saír. É a forma na que todo se volve máis aberto, libre e creativo, máis que cando intentas apostar por unha única cousa. O grupo flúe para todos os lados e así tamén é moito máis divertido.

—Cales son os próximos obxectivos do grupo?
A nosa idea é poder ir gravando algúns temas máis para sacar un traballo completo onde englobalos todos. Cando comezamos, tiñamos moitas versións e poucos temas propios, mais para esta mini xira que estamos a facer xa completamos e practicamente temos temas suficientes como para un disco. A idea é gravar tres ou catro temas máis, que xa están cociñados, e quizais saquemos ese traballo completo.

Actualmente non se fai tanto iso de sacar un disco, senón ir soltando os temas aos poucos e despois englobalo, polo que tamén estamos aproveitando para levar a cabo esta estratexia. Ao final é unha forma de mover máis o teu traballo. Con respecto ás datas, ademais dos concertos que estivemos facendo en maio, estaremos o 22 de xuño na praia de Deilán (Vilaboa, Pontevedra). Tamén temos outras que aínda están pendentes de confirmación oficial e que iremos compartindo nas nosas redes nas próximas semanas.

Máis en CULTURA
Comentarios