SonDeSeu estrea en Vigo o seu novo proxecto sobre as mutacións da tradición

‘Entreterras’ é un proxecto semiacústico no que as músicas de raíz de Sés, Hirahi Afonso e Daniel Pereira Cristo transforman o repertorio da orquestra

SonDeSeu, nun concerto celebrando o seu XX aniversario.
photo_camera SonDeSeu, nun concerto celebrando o seu XX aniversario.

Esta sexta feira, 24 de maio, SonDeSeu estrea en Vigo Entreterras, o novo proxecto que aposta por un formato semiacústico que unirá músicas de raíz da Galiza, Portugal e Canarias. A galega Sés, o portugués Daniel Pereira Cristo e o canario Hirahi Afonso, artistas comprometidos coa innovación e o respecto ás músicas tradicionais dos seus territorios, compartirán escenario co medio cento de intérpretes da Orquestra Folk da Galiza.

O espectáculo, que dá continuidade a Arraianos (2018) na aposta pola visualización e reivindicación das músicas ibéricas, preséntase cun rechamante cartel, coroado pola imaxe dun volcán en erupción, un fenómeno que transforma o territorio ao seu paso. Este volcán representa, segundo Anxo Pintos, presidente da Fundación SonDeSeu, "a creación e destrución da paisaxe, igual que as músicas de Sés, Hirahi Afonso e Daniel Pereira transforman, dun xeito vibrante e ateigado de luz, o repertorio da nosa orquestra".

Así, desde a voz da cantareira e pandeireteira María Xosé Silvar, Sés, creadora de himnos que transitan entre a tradición oral e o rock and roll, Entreterras percorre a música da creadora coruñesa para dar paso á discografía doutro grande activista cultural, neste caso do norte de Portugal, como é o cantante e tocador de corda pulsada Daniel Pereira Cristo. Coñecido pola súa destreza co cavaquinho, a súa arte entronca con outro instrumento irmán, dunha costa que -igual ca Cabo Verde, Azores ou Madeira– tamén baña o Atlántico: o timple, que nesta ocasión toca o canario Hirahi Afonso quen, con dous discos ás costas, “representa a esa nova xeración de intérpretes excepcionais, cunha narrativa creativa a cabalo entre a tradición e a contemporaneidade”, apunta Pintos. 

SonDeSeu

A Orquestra Folk de Galiza SonDeSeu nace hai vinte anos no seo do extinto Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, a actual ETRAD. A agrupación explora a fusión e mestura das músicas patrimoniais con elementos contemporáneos. A posta en valor da música de raíz ao longo destas dúas décadas materializouse en numerosos proxectos de investigación no ámbito da música folk, traballos discográficos ou eventos singulares, alén da participación en múltiplos festivais e auditorios europeos. 

Neste 2024, medio cento de músicos conforman o corazón dunha orquestra única na Galiza que, baixo a dirección de Xaquín Xesteira, conta con nove sección instrumentais: arpa céltica, buzuqui, canto, contrabaixo, gaita, percusión, requintas, violín e zanfona.

Comentarios