CRÍTICA DE CINEMA DA SEXTA FEIRA

"Jurassic World"

O crítico Andrés Castro achéganos á cuarta entrega xurásica producida por Spielberg que trata de relanzar a saga para esas xeracións ávidas de ver dinosauros en pantalla grande. 

jurassic2
photo_camera jurassic2

FICHA

(Estados Unidos 2015, 124 min.)
Director: Colin Trevorrow
Guión: Derek Connolly, Rick Jaffa, Amanda Silver e Colin Trevorrow
Fotografía: John Schwartzman
Música: Michael Giacchino
Elenco: Chris Pratt, Bryce Dallas Howard, Vincent D’Onofrio, Irrfan Khan, Omar Sy, BD Wong, Ty Simpkins, Nick Robinson, Jake Johnson, Judy Greer, Lauren Lapkus, Katie McGrath, Jimmy Fallon

SINOPSE

Tras máis de vinte anos do ‘suceso’ de Jurassic Park na illa Nublar, o proxecto xurásico transformouse agora nun luxoso parque temático de dinosauros de versións modificadas máis atraentes para un público que acude a milleiros todos os días. Pero a última atracción, o “Indomitus Rex”, sae moito máis intelixente e perigoso do que nunca puideron imaxinar.

CRÍTICA 

Cuarta entrega xurásica producida por Spielberg que trata de relanzar a saga para esas xeracións ávidas de ver dinosauros en pantalla grande. Porén estamos agora ante un público bastante sobreexposto aos efectos CGI de nova xeración e xa non vai flipar demasiado só con ver moverse a criaturas extintas fai milleiros de anos, inda que sexa en 3D. Ben conscientes dista circunstancia, esta entrega opta por meter máis aventura, máis acción e moito máis sentido do humor. De feito un dos verdadeiros acertos de Jurassic World é precisamente non tomarse moi en serio a si mesma. Para empezar, tras unha breve pero emotiva homenaxe a Ray Harryhausen, o filme métenos de cheo no allo.

"Esta entrega opta por meter máis aventura, máis acción e moito máis sentido do humor".

Dous irmáns van pasar unha fin de semana coa súa tía no parque de atraccións Jurassic World: un parque temático, sito na illa Nublar, cunha chea de dinosauros creados en laboratorio e controlados por un sofisticado sistema de seguridade que inclúe modificacións xenéticas para facelos máis dóciles, ou máis feros, segundo conveña para a atracción. Pero resulta que unha das últimas novidades logra escapar e pon en serio perigo a miles de visitantes, nos que se atopan estes dous rapaces. O único que pode salvar o conto é un adestrador de velociraptores mestura entre César Millán e Indiana Jones interpretado por Chris Pratt (Guardiáns da Galaxia) que, por suposto terá máis que palabras coa tía, que tamén resulta ser a encargada do complexo de dinosauros, e que encarna unha altiva Bryce Dallas Howard (Spiderman 3) que pasa de ser unha superpija controladora a converterse nunha sorte de Lara Croft con ínfulas de tenente Ripley. A trama tamén lembrará algo a Alien porque pulula un militar, estilo Striker dos X-Men, encarnado por Vincent D’Onofrio (A Chaqueta Metálica), que tratará de controlar as bestas para darlles un uso bélico. Moi optimista pola súa banda, claro... Ou non? Tampouco podería faltar o punto exótico que desta póñeno o hindú Irrfan Khan (A Vida de Pi), o francés Omar Sy (Intocábel) e BD Wong que é o único que repite da primeira parte de Jurassic Park, mantendo así a continuidade pretendida na saga.

Novos e máis feros dinosauros, certo aire a cine de aventuras de serie B dos 80 -tratando de atrapar, de paso, aos nostálxicos- e unha sucesión de chispeantes diálogos converten a Jurassic World nunha xigantesca montaña rusa de pura diversión para aqueles que busquen un rato de evasión, dinosauros e botar unhas risas. Unha atracción que cumpre a perfección o propósito de entreter. Nin sequera é preciso ver as anteriores películas para gozar dela e, por riba, deixa unha porta aberta a posibles secuelas. Teño que recoñecer que eu encantado de que sigan sacando máis secuelas xurásicas, xa que de cativo estiven bastante obsesionado con todo o relacionado cos dinosauros -o mesmiño que lle pasa ao pequeno dos irmáns- desde aquel libro educativo de Auriga Ciencia que me regalara meu avó titulado “Vida Íntima dos Animais: Prehistoria” e que non paraba de mirar a carón do meu irmán maior fantasiando con que pasaría se estivera no medio daquelas moles cheas de dentes... Pois iso.

            jurassic

Máis en CULTURA
Comentarios